Abel Losada comprométese a impulsar a materialización da oficina da Garda Civil en Bueu
Por Redacción
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu este mércores ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, para estudar o estado do expediente para a reforma dos locais no baixo da Casa do Mar de Bueu para reconvertela nas oficinas da Garda Civil na localidade.
Na xuntanza participaron tamén o coronel da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso.
A regularización administrativa deste espazo, de 70,25 metros cadrados, de cara a súa desascripción da Tesourería Xeral da Seguridade Social e a súa posterior adscrición ao Ministerio do Interior, abordouse polo miúdo na conversa.
Abel Losada deu conta de que o pasado 14 de novembro a Subdirección Xeral de Patrimonio do Estado reclamou a documentación necesaria para a inscrición rexistral do inmoble, entre ela a certificación da titularidade, plano de superficie e designación do representante para a inmatriculación no Rexistro da Propiedade. Este trámite está aínda pendente, unha vez rematado o período vacacional do Nadal.
Ademais constatouse a necesidade de adaptar a división horizontal pois o espazo onde se situarán as oficinas da Garda Civil son o resultado da suma de tres locais ocupados orixinariamente pola cafetería, os aseos e un almacén.
O subdelegado comprometeuse a impulsar a oficina da Garda Civil de Bueu, facendo seguimento dos trámites pendentes, para que sexa unha realidade o antes posible, tendo en conta que o municipio ten unha poboación de 12.000 habitantes que se multiplica durante o período estival. Ademais, valorarase a posibilidade de articular unha cesión de uso que permita anticipar as obras de acondicionamento, dado que esta oficina é fundamental para completar a atención ao Morrazo e evitar os desprazamentos da cidadanía ao cuartel de Marín.
En novembro de 2022 a Xunta de Galicia devolveu os 70,25 metros cadrados destes tres locais á Tesourería Xeral da Seguridade social que tiñan sido cedidos á Comunidade Autónoma en 1999, xunto con toda a planta baixa do inmoble. O local, pola súa situación e pola presencia nel da sede da Policía Local, resulta idóneo para a dependencia da Garda Civil.
RAMPLA DE PESCADOIRA
Por outra banda, durante a xuntanza comentáronse os avances para a mellora e ampliación da rampla de Pescadoira, cuestión na que o subdelegado do Goberno púxose a disposición do alcalde para facer posible esta mellora e adiantou toda a vontade de colaboración por parte da Xefatura de Costas do Estado.
Relacionadas:
-
Detido un veciño de Noalla por roubar na sede de Cáritas alimentos destinados a familias necesitadas
Por Oskar Viéitez |
-
Compromiso para impulsar a "cultura da defensa" en toda a provincia
Por Redacción |
-
Pavimentados catro camiños no lugar de Meiro
Por Redacción |
-
Chapuzón para reivindicar a rexeneración da praia de Pescadoira
Por Oskar Viéitez |
-
A Subdelegación do Goberno ve "máis preto que nunca" a creación dun posto da Garda Civil en Bueu
Por Redacción |