Dúas profesoras italianas desfrutan do programa de formación Eramus+ no CPI Toural
Por Redacción
O Centro Público Integrado (CPI) do Toural está inmerso dentro do programa de formación de profesorado KA101 ERASMUS +, unha iniciativa que ten como obxectivo que o profesorado viaxe a outros países e durante unha semana teñan a oportunidade de estar nun centro e coñecer a través do “job shadowing” a súa metodoloxía de ensino. De tal xeito que así adquiren experiencias e novos métodos que enriquecen a metodoloxía de aprendizaxe para o alumnado.
A última semana de setembro unha profesora de Educación Infantil e outra de Educación Primaria do CPI Toural visitaron, dentro deste programa, no Instituto Comprensivo “Vía Maffi” de Roma, agora, neste mes de xaneiro, son dúas profesoras dese centro de Roma as que están visitando, nesta semana, o CPI Toural.
Segundo valoran dende o centro educativo, está a ser unha experiencia única coñecer outras metodoloxías de ensino e enriquecelas. Así, deste xeito, estas profesoras italianas estiveron nas diferentes clases impartidas en Educación Infantil, en materias troncais de Educación Primaria, en clases bilingües de primaria e secundaria ou coñecendo o desenvolvemento de asignaturas que oferta este centro como o DigiCraft. E ao mesmo tempo, tamén están desfrutando da vivencia da cidade de Pontevedra e descubrindo Vilaboa, nesta xornada asistirán a unha visita as Salinas do Ulló co alumnado do centro.
Dende o centro CPI Toural quixeron destacar a acreditación como centro Erasmus que lles concederon neste curso escolar a pesar de que levan anos participando neste e doutros programas internacionais. Neste senso, recalcaron que van seguir desfrutando deste programa e realizando saídas outros países tanto do profesorado como do alumnado, xa que se trata dunha inicativa que ten efectos positivos na educación, no desenvolvemento social, cultural, medio ambiental, persoal e profesional.