Preestrea de "Tambo, embarcamos!", o vídeo co que Poio se promocionará en Fitur
Por Redacción
O Concello de Poio presentou este luns ao sector turístico do municipio o vídeo promocional "Illa de Tambo, embarcamos!" antes da súa estrea en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebrará en Madrid do 24 ao 28 de xaneiro.
O alcalde, Ángel Moldes, acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, convocou a empresarios e profesionais da hospedaxe, a restauración e a hostalería, así como aos veciños e colectivos que participaron na gravación para que puidesen coñecer o contido do vídeo antes da súa proxección oficial, que terá lugar no expositor de Galicia en Fitur este mércores 24 ás 14:30 horas. Tamén poderá seguirse por streaming na páxina de Turismo de Galicia.
O vídeo baséase na lenda oriental do "fío vermello do destino", un cordón de cor vermella invisible que conecta a aqueles que están destinados a atoparse.
Na peza amósanse distintos lugares representativos de todas as parroquias, como as praias do municipio, o Mosteiro de Poio e as variantes do camiño de Santiago, o Bosque de Colón, o casco histórico de Combarro, os Muíños de Samieira ou a vila de Raxó, entre outros, antes de embarcar cara a Illa de Tambo.
Despois da proxección, o alcalde Ángel Moldes volveu incidir no seu agradecemento a Turismo de Galicia por facer unha presentación centrada en Tambo, así como "a implicación e participación de moita xente", destacando que na peza colaboraron mariñeiros, mariscadoras, veciños e asociacións. Ademais, tamén mencionou de xeito especial o papel da actriz afeccionada veciña de Samieira, Silvia Ramírez, que serve como fío condutor do vídeo, así como o dun compañeiro de reparto moi especial, o can Leo, que está en adopción na Canceira de Poio.
Relacionadas:
-
Adoptan a Leo, o can que protagonizou o video de Poio para FITUR
Por Redacción |
-
A Casa Museo de Colón participará na Rede REMA
Por Redacción |
-
A provincia promociona en Fitur o té de camelia e a Ruta de Taverneiro
Por Oskar Viéitez |
-
A Illa de Tambo preséntase en Fitur como novo atractivo turístico de Poio
Por Redacción |
-
Poio participará en Fitur por primeira vez coa presentación "Tambo, embarcamos?"
Por Redacción |
-
A illa de Tambo, entre os novos atractivos turísticos que Poio amosará en FITUR
Por Oskar Viéitez |