A auga das Rías Baixas inunda Fitur para "empapar" os futuros visitantes
Por Redacción
Turismo Rías Baixas xa está en Fitur, a feira internacional de turismo que se celebra estes días en Madrid. Alí presentou este mércores a súa campaña promocional para este ano que, baixo o título de 100% Rías Baixas, xira arredor dun recurso tan abundante como saudable: a auga.
"Sen a auga non poderiamos proporcionar eses momentos 100% Rías Baixas ás persoas que nos visitan", explicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, no acto de presentación desta campaña, no que tamén participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Para López, a diversidade e o atractivo dos recursos hídricos da provincia son "sinónimo de sustentabilidade", mostrando algunhas das experiencias que ofrecen as Rías Baixas como descansar a carón dun río, gozar dunha das súas praias ou sentir os efectos das augas termais.
A campaña vén acompañada dun vídeo promocional no que a auga das Rías Baixas, presente na costa e no interior, pon a bailar a quen entra en contacto con ela, presentando as tres rías, os 25 ríos, os sete lagos e lagoas, as sete fervenzas e preto de sesenta rutas de sendeirismo.
Aproveitando esta peza audiovisual, Luis López quixo poñer o foco noutra das grandes fortalezas das Rías Baixas como destino turístico, que é a práctica de deportes de aventura.
"Son oportunidades para vivir doutra maneira a natureza da provincia e tamén son exemplos de turismo responsable porque cando a natureza é o teu lugar de traballo, convérteste no gardián dese canón, dese río ou dese embalse", remarcou o presidente provincial.
A isto sumou Alfonso Rueda que as Rías Baixas teñen unha "vantaxe competitiva" pola facilidade para practicar deporte, incluidos os acuáticos, na natureza ao longo de todo o ano, o que demostra a prolífica canteira de deportistas de elite en disciplinas como o piragüismo ou a vela.
Ademais da oferta deportiva, tanto Rueda como López subliñaron outros moitos atractivos da provincia, entre eles os paseos polas ribeiras dos río ou os xardíns do castelo de Soutomaior, unha mostra de "experiencias coas que conectar coa natureza".
A presentación da campaña 100% Rías Baixas concluíu co agasallo a todos os presentes dunha camiseta de baño, para que este ano se empapen da auga da provincia, e cunha nova peza audiovisual filmada a vista de paxaro sobre a beleza natural das Rías Baixas.
Relacionadas:
-
A cidadanía e os profesionais do sector están chamados a participar na Estratexia Turismo Rías Baixas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O castelo de Soutomaior programa actos da camelia con visitas guiadas e degustacións de té
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A restauración pontevedresa é a segunda mellor valorada de toda España
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis promociona o seu potencial turístico en Fitur
Por Redacción |
-
A provincia promociona en Fitur o té de camelia e a Ruta de Taverneiro
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo amosa en Fitur as súas bazas para ofrecer "365 días diferentes"
Por Redacción |
-
"100% Rías Baixas" é o lema da campaña de promoción turística da Deputación coa auga como elemento vertebrador
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |