"Penúltimo paso" para o vial de Mollavao, só pendente de Costas para saír a licitación
Por Alejandro Espiño
A tramitación do futuro vial de Mollavao, que unirá Rosalía de Castro coa Avenida de Marín, deu nos últimos días o seu "penúltimo paso". Así o explicou este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras a xuntanza semanal do seu goberno.
O Concello xa remitiu a Costas toda a documentación necesaria para que o Estado lle outorgue a concesión dos 2.420 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre que precisa para poder executar o vial, que pagará a Deputación vía convenio.
A través deste trámite, a administración municipal aceptou as condicións solicitadas por Costas para cederlle esa parcela e remitiu todos os informes emitidos que xustifican esta actuación.
Así, entre outros documentos, o Concello enviou o informe sobre as últimas alegacións presentadas ao proxecto ou o estudo elaborado sobre as alternativas de trazado que se analizaron durante a redacción do proxecto, que data de xullo de 2017.
Tamén houbo que presentar un informe que avaliara os efectos que pode ter o cambio climático sobre eses terreos, fundamentalmente polas mareas e a crecida do nivel do mar.
Con respecto ás alternativas para este vial de Mollavao, o alcalde explicou que se estudaron tres trazados para esta conexión transversal.
Dous deles aproveitaban o paso existente baixo a vía de ferrocarril para, a través da parcela de Malvar, acadar a estrada de Marín, unha achegada a traza ferroviaria, e outra a distancia dela. Ambas trazas situábanse por baixo, ao sur, da vía ferroviaria.
Pero os estudos concluíron que o trazado máis razoable era o proposto polo Concello, máis achegado á cidade, que limita "ao máximo" a afección sobre esta parcela ao pasar por terreos baldíos e por parte do aparcamento, hoxe en día nun estado pouco axeitado.
Fernández Lores agarda agora que a resposta de Costas chegue "nun prazo razoable de tempo" e, unha vez reciban o visto bo, o Concello sacará a licitación o proxecto e só restará saber se hai que facer unha actualización de prezos polo tempo transcorrido.
Relacionadas:
-
Vía libre de Costas para que o Concello constrúa o novo vial de Mollavao
Por Alejandro Espiño |
-
Costas desatranca a concesión de terreos para poder construír o vial de Mollavao
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Montecelo e a reforma da PO-546, as apostas da Xunta para Pontevedra nos orzamentos para 2024
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma da PO-546, entre Mollavao e Os Praceres, licitarase antes de finais de ano
Por Redacción |