Costas desatranca a concesión de terreos para poder construír o vial de Mollavao
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Froito da negociación do PSOE para conseguir o apoio do BNG na investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España pactáronse unha serie de acordos,"un deles, que non chegou a ser público, é que había que desatrancar ou resolver o problema de Mollavao", segundo desvelou o concelleiro de infraestruturas, César Mosquera.
Concretamente, ao Concello de Pontevedra fáltalle o permiso de Costas do Estado para liberar os 3.364,41 metros cadrados necesarios para unir a rúa Rosalía de Castro coa avenida de Marín a través do solar do aparcamento disuasorio. Con este terreo xa podería construír o vial, de 97 metros cuxa financiamento está comprometida pola Deputación, que tamén se encargaría da súa licitación.
Nunha comparecencia celebrada este mércores, o edil nacionalista informou deste "trámite administrativo" do que tiveron noticia á primeira hora da mañá no que se anuncia que agora "se desatranca a concesión para a construción do vial de Mollabao".
"En resumo, salvo sorpresa desagradable a día de hoxe imprevista, a concesión de Costas co que supón de construción dese pequeno tramo e de mellora de Rosalía de Castro está en vías de solución, que despois do que pasaron os veciños e o Concello é unha gran noticia" concluía o concelleiro de Infraestruturas, que non quixo despedirse sen recordar que "Carme da Silva bateuse o cobre moi duramente para logralo".
É unha infraestrutura que Mosquera sinala como "imprescindible para poder mellorar a calidade urbana de todos os que residen ou traballan en Rosalía de Castro ata a ponte do ferrocarril".
No escrito que hoxe entrou no Concello explica as condicións que pon Costas do Estado para facer a concesión. Entre outras: emendar documentación ou completala. Por exemplo, Costas apunta que non lle consta se o ADIF informou sobre o proxecto desta estrada, algunha aclaración sobre lindes e tamén hai que xustificar sobre os seus efectos sobre o cambio climático ou "que nos comprometamos no futuro para pedir a concesión da avenida de Marín".
"En principio son cousas menores", valorou o concelleiro de infraestruturas. En dez días o Concello de Pontevedra deberá resolver todas estas cuestións e aceptar as condicións. Posiblemente téñase que celebrar un pleno para aprobalo.
Mosquera destacou a importancia deste vial "absolutamente decisivo" para os proxectos do goberno local de expandir a zona de alta calidade urbana do centro da cidade a esta área actualmente degradada xa que implicará a implementación de sendas peonís e elementos de acougado de tráfico mediante a ordenación da circulación perimetral de Pontevedra por un anel urbano máis exterior evitando que o tráfico de paso entre no centro urbano.
A concesión destes terreos por parte de Costas era "o nó gordiano onde fallaba todo e imposibilitaba todo o resto. Se non podiamos facer o vial o resto estaba todo atrancado. Era a clave de bóveda de toda a solución a todo ese barrio".
Relacionadas:
-
A Xunta licita por preto de 6,3 millóns de euros a obra da senda Mollavao-Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma de Rosalía de Castro e o vial de Mollavao van licitarse conxuntamente para que en 2026 estean finalizados
Por Anxo Lourido |
-
Vía libre de Costas para que o Concello constrúa o novo vial de Mollavao
Por Alejandro Espiño |
-
"Penúltimo paso" para o vial de Mollavao, só pendente de Costas para saír a licitación
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva deixa o Concello para centrarse no Senado: Será a "concelleira número 10", destaca o alcalde
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Primeiro encontro institucional "moi positivo" entre o alcalde de Pontevedra e o presidente da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A piques de rematar o periodo de consultas a administracións para a nova estrada de Mollavao
Por Redacción |