Unha gran tea negra rememora o Prestige no Día Mundial da Educación Ambiental
Por Redacción & Mónica Patxot
Hai vinte e dous anos a marea negra do Prestige chegou ás costas galegas, un suceso que aínda segue na memoria colectiva da xente e que este venres protagonizou unha intervención de 'artivismo' que o alumnado do IES Valle Inclán desenvolveu na Praza de Curros Enríquez.
Foi con motivo do Día Internacional da Educación Ambiental. Esta acción cubriu a fonte de pedra de arriba a abaixo cunha gran tea negra que simbolizaba aquela marea negra.
Sobre ela ía un gran código QR que conducía a un pdf onde o estudantado reflexiona sobre a contaminación dos mares, os transportes marítimos e o seu impacto nas costas e na vida mariña.
Esta intervención foi resultado do taller de artivismo no que o alumnado da asignatura de competencias dixitais do IES Valle Inclán participou ao longo do pasado mes de novembro, dentro do proxecto "Futuro en Común", impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD.
Os estudantes aproveitaron esta iniciativa para realizar entrevistas ás persoas que pasaban pola praza e ollaban con curiosidade a fonte cuberta de negro, explicándolles por que estaban alí, unha proposta moi ben recibida polos cidadáns que os felicitaron polo seu traballo.
O obradoiro comezou en novembro e tras tres sesións formativas invitouse á clase a que deseñasen a súa propia acción creativa sobre unha causa ou problemática que os motivase.
Así, durante o mes de decembro o grupo foi investigando sobre as problemáticas existentes e as posibles solucións. Nas redes atoparon o acontecido co Prestige nas costas de Galicia, algo que moitos descoñecían xa que sucedera moitos anos antes do seu propio nacemento.
Tras debater as diferentes propostas, acordaron falar sobre os transportes marítimos e o seu impacto nos costas e na vida mariña.
A edición de fotografía, edición de vídeo, creación de códigos QR foron elaborados polo alumnado, que traballou en valores como a xustiza social, o coidado do medio ambiente e a responsabilidade que como sociedade temos para construír un futuro máis xusto.
A experiencia como ferramenta educativa "foi moi positiva" tanto para crear conciencia social sobre a necesidade de protexer o planeta como metodoloxía de traballo, segundo explicou Alba Fuentes, profesora do grupo, que asegurou que a implicación do grupo foi total.