O Concello da Lama contratará nove persoas
Por Redacción
Nos vindeiros días comezará o proceso selectivo para a contratación por parte do Concello da Lama dun total de 9 traballadores grazas á liña 3 do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.
Deste xeito refórzanse os servizos e capacidade operativa para poder conservar e manter o funcionamento de bens e servizos municipais durante os vindeiros nove meses, desde o 1 de marzo ata o 31 de decembro de 2024.
Grazas á incorporación destes traballadores o Concello poderá acometer a reparacion dos danos sufridos polos temporais en camiños, estradas, espazos de ocio naturais e edificios municipais así como desbroces, mantemento xeral e servizos municipais.
A oferta de emprego, que terá que remitir o SEPE, consta de 3 operarios de movemento de terras que terán un contrato de 9 meses polo 80% da xornada laboral e estarán destinados á reparación dos danos sufridos polos temporais en camiños, estradas, espazos de ocio naturais e edificios municipais. Deberán contar co carné de conducir C-1.
Por outra banda, o Concello contratará a través deste Plan da Deputación 4 peóns forestais, tamén cun contrato de 9 meses de duración e cunha nómina que cubrirá o 80% da xornada. Estes peóns estarán asignados a labores de mantemento, acondicionamento e mellora de espazos públicos.
Finalmente, o Concello contratará un auxiliar administrativo para reforzo do departamento que desenvolve estas tarefas nas oficinas municipais, cun contrato de 9 meses e o 67% da xornada e deberá contar co título de Bacharelato ou equivalente e o CELGA 4 ou equivalente. E tamén un peón operario de limpeza para reforzo das tarefas de limpeza en edificios e locais municipais cunha duración de 9 meses e polo 50% da xornada.