O BNG asegura que a "nefasta xestión" da sentenza da leira de Rocafort "vai condicionar a futuras corporacións"
Por Redacción
O próximo pleno municipal de Sanxenxo previsto para este luns 29 de xaneiro debaterá a proposta de orzamentos municipais do goberno local, unhas contas que segundo o Bloque Nacionalista Galego (BNG) estarán condicionadas polos custos derivados da sentenza da leira dos Rocafort.
Segundo o portavoz nacionalista, Fran Leiro, os orzamentos contemplan unha partida de preto de 7 millóns de eiros para facer fronte aos custos xudiciais "so debido ao ego e á incapacidade de xestión do señor Telmo Martín", lembrando que xa se pagaron tres millóns de euros.
"O Partido Popular solicita fraccionar o pago da contía pendente en 8 anos. En caso de que se conceda, serían mais de 900.000 euros anuais, aos que hai que sumar outros 350.000 euros polos xuros", explica Leiro asegurando que de saír adiante esta proposta o Concello debería abonar máis de 1,2 millóns anuais durante oito anos para cumprir a sentenza do caso Rocafort.
"E todo porque o señor Telmo Martín negouse a pagar os 3 millóns iniciais. Vai condicionar a futuras corporacións", afirma o nacionalista.
O edil do BNG lamenta que estas cantidades non se poidan destinar "na dotación de servizos, infraestruturas e obras de primeira necesidade para os nosos veciños e veciñas", e critica uns orzamentos municipais que á marxe da sentenza xudicial "están totalmente inflados" e que non contemplan investimentos por parte doutras administracións.