Peche simbólico do campo de tiro de Cernadiñas Novas: "a Xunta está de okupa, sen pagar o alugueiro durante 5 anos"
Por Natalia Puga
Cinco anos despois de que o Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra determinase que os terreos sobre os que se asenta o campo de tiro de Cernadiñas Novas son da comunidade de montes de Santo André de Xeve, os comuneiros farán valer o seu título de propiedade e van proceder ao peche simbólico das instalacións. O vindeiro domingo, 4 de febreiro, bloquearán o acceso e todo aquel que queira acceder terá que pedirlles permiso.
O xesto simbólico farano o domingo ás 13.00 horas e convidan a toda a poboación que queira sumarse nas súas protestas. Desta forma, pretenden facer ver que os terreos son seus e están 'okupados' e, ao mesmo tempo, exercer presión para que a Xunta de Galicia lles pague polo uso da propiedade.
Para entender este conflito é necesario remontarse a anos atrás. O Concello de Pontevedra cedeu por escritura pública estes terreos ao Estado para a construción dun centro deportivo no ano 1973. Finalmente, só se construíu un campo de tiro e, tras diversas cesións, o Estado cedeuno á Xunta de Galicia.
Os comuneiros de Santo André de Xeve consideraban que esa escritura pública non era válida porque os terreos eran seus e acudiron á vía xudicial. Finalmente, a finais de 2018, o xulgado deulle a titularidade da parcela, de máis de 100.000 hectáreas. Unha vez que foi firme, en 2019 empezaron a negociar coa Xunta de Galicia porque construíu o campo de tiro e é titular do mesmo, para reclamarlle a expropiación ou o pago dun canon.
Suso Castro, presidente dos comuneiros, explica que foron negociacións longas nas que, finalmente, hai dous anos, acordaron que lles pagarían un canon a cambio da cesión dos terreos. Fixouse o prezo que quería a administración, de 0,3 euros por metro cadrado, inferior á proposta inicial dos comuneiros, de 0,5. Unha vez fixado o canon, "nunca máis se volveu a saber da Xunta".
Segundo explica Castro, os avogados da comunidade de montes levan dous anos realizando chamadas á Xunta e, tras moito insistir, recentemente volveron retomar as negociacións coa Secretaría Xeral para ou Deporte, a través do seu máximo responsable, José Ramón Lete Lasa. Nese momento, segundo a versión dos comuneiros, "do que nos prometeron dous anos antes, dixeron que nada".
Os comuneiros sosteñen que lles deben o canon desde fai cinco anos, desde que é firme a sentenza que lles dá a titularidade dos terreos, pero a Xunta díxolles que non, que lles pagarían desde o momento no que se asinase o novo acordo. Nese momento, a comunidade de montes decidiu plantarse e díxolles que chegarían a un acordo, pero sempre que se asinase por escrito xa "porque se non, poderiamos volver estar esperando outros dous anos".
"Dixeron que si, pero non asinaron", explica Suso Castro, en alusión a unha última conversación o pasado 17 de xaneiro. E aí a paciencia dos comuneiros acabouse e decidiron proceder ao peche do terreo. "Como titulares, podemos pechar o acceso ao terreo", sostén, "a Xunta está de okupa, sen pagar o alugueiro durante 5 anos".
Pensaban pechar xa o pasado domingo, día 28 de xaneiro, pero os seus avogados lles recomendaro prudencia, darlle 10 días de prazo á Xunta para chegar a un acordo. Enviáronlles un burofax e pediron autorización á Subdelegación do Goberno para poder facer a protesta, que se basea en que "as instalacións non as podemos tocar, pero o terreo é noso, hai unha persoa que está a ocupar os nosos terreos e non paga".
A súa intención é pechar o acceso aos vehículos e deixarán pasar, pero só a aqueles que lles pidan autorización. "Como é noso, ninguén nolo pode impedir", sosteñen. "Xa nos tomaron o pelo cinco anos, por aí non pasamos máis", engade Suso Castro.
A XUNTA, ABERTA A NEGOCIAR
A Xunta de Galicia, a preguntas de PontevedraViva, explica que, neste momento, "estamos a perfilar o camiño tanto para instrumentalizar o canon como para avanzar coa ampliación". Así, indican que levan tempo traballando nun proxecto de ampliación e mellora do CGTD que inclúe novas instalacións en Cernadiñas. Para iso levará a cabo un Proxecto de Interese Autonómico que aseguran que "está acordado cos comuneiros".
A Secretaría Xeral dá por feito que "asinaremos un contrato de cesión polo que a solución a esta cuestión xa está moi avanzada".
Ademais, recalcar que a día de hoxe, son algúns clubs os que fan uso do terreo e son os únicos prexudicados deste conflito que "se solucionará proximamente para beneficio de todos, especialmente, do deporte galego".
OS CLUBS, NEUTRAIS
Unha das entidades que utiliza as instalacións é o Club de Tiro de Precisión. O seu presidente, Antonio Escudeiro, confía na rápida resolución do conflito. Eles non se posicionan dun lado nin do outro, senón que "temos que ser neutrais", como administradores das instalacións, pero non propietarios. Os donos do terreo son os comuneiros e os do campo, a Xunta. Eles só administran.
"Vai lento, pero estamos convencidos de que a Xunta o solucionará", explica. "Están chamados a entenderse" mentres eles atópanse no medio, "coa incomodidade de sufrir as consecuencias", pero non queren conflitos con ningunha das partes.
Esperan que cheguen a entendemento "polo ben do tiro", xa que é o único campo que hai en Pontevedra, no que adestran máis de 900 tiradores de toda a provincia.