Xornadas gastronómicas con produtos das rías para axudar na loita contra o cancro
Por Redacción
Entre este martes 11 e o sábado 15 de febreiro os cidadáns que acudan ao restaurante Casa Román poderán darse unha homenaxe gastronómica ao tempo que colaboran coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Tan só teñen que pedir o menú das xornadas 'Come un libro' e por 37 euros poderán degustar oito pratos, sobremesa, bebida e levarse á casa o libro Los sabores azules de las Rías.
O libro, do gastrónomo Alfonso Díaz, é a peza solidaria da iniciativa. A presidenta da AECC en Pontevedra, Marisé Crespo, explicou que o custo do libro (que vai incluído no menú) irá destinado integramente á asociación. O seu autor leva colaborando coa entidade dende xullo de 2013 e xa ingresaron 6.000 euros pola venda dos exemplares distribuídos a través dos establecementos de El Corte Inglés en Galicia.
Os comensais gozarán dun menú a base de crema de centola con pergaminio de cigala, angulas mentireiras de Ons, posiblemente a mellor fritura de lura do mundo, peixe branco adobado, percebes fritos, pixota de Marín, guiso aos catro portos da ría, xurelo recheo de centola de Bueu e redución de tinta femia e filloas da casa.
O xefe de cociña de Casa Román, Alberto López, adaptou o menú destas xornadas gastronómicas a partir das 20 receitas incluídas en Los sabores azules de las Rías e asegura que os comensais poderán gozar de pratos elaborados "todo con produtos autóctonos" e que serán "abundantes, no van a quedar con hambre".
"Comerte un libro no engorda y ayudará a la AECC", sostén o autor do libro, Alfonso Díaz. Empezou a colaborar coa asociación por implicacións dun familiar e porque "el cáncer es una enfermedad que nos toca a todos". Na súa opinión, o menú de Casa Román é "un acierto". Poderá pedirse a mediodía ou pola noite e os comensais terán todos os detalles das receitas porque "van a estar comiendo y con el libro en la mesa".
Segundo explicou Marisé Crespo, Casa Román e Alfonso Díaz puxéronse en contacto coa asociación despois de ter constancia de que aumentaron un 48 por cento as peticións de axuda que lles chegan e móstrase agradecida porque "todo lo que venga, es bienvenido".
Los sabores azules de las Rías é un libro distinguido co premio como o Mellor Libro de Receitas de Pescado Castelán-Galego 2012 por Gourmand París e no que Alfonso Díaz, presentador do programa de Canal Cocina El Jardín Azul, presenta pratos baseados en produtos orixinais das rías galegas.