Un xulgado recoñece o dereito dunha policía pontevedresa a ser indemnizada por traballar de paisano
Por Natalia Puga
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou unha sentenza recoñecendo o dereito dunha axente da Policía Nacional de Pontevedra a que lle abonen os gastos de vestiario derivados da roupa de paisano que se ve obrigada a utilizar para traballar.
A policía en cuestión está destinada á Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Pontevedra e desde xaneiro de 2018 realiza o seu servizo habitual con roupa de paisano, "debéndose adaptar ás condicións e particularidades do mesmo".
Á vista desa situación, no o ano 2021 reclamou á Dirección Xeral da Policía o abono dos gastos de vestiario, pero non obtivo resposta, de modo que acabou no xulgado. En decembro de 2023, a sección primeira da Sala do Contencioso- Administrativo do TSXG estimou a súa petición.
En virtude desta sentenza, a Dirección Xeral da Policía deberá indemnizala desde o mes de xaneiro de 2018 "e mentres continúe prestando os seus servizos habituais de paisano", intereses incluídos desde que en novembro de 2021 reclamou por primeira vez pola vía administrativa.
O fallo recoñece, por tanto, o dereito desta funcionaria policial "a percibir a indemnización por vestiario" e impón o pago das costas á Administración.
Este recoñecemento baséase nunha orde interna da Dirección Xeral da Policía que recolle que "a indemnización por vestiario, pretende compensar aos funcionarios do Corpo Nacional de Policía que prestan servizo de protección dinámica a personalidades, e que utilizan unha vestimenta de paisano acorde coa natureza dese servizo e a entidade das situacións e circunstancias que rodean ás persoas protexidas".
Neste sentido, nas sucesivas Leis de Orzamentos Xerais do Estado fíxase unha partida orzamentaria polo concepto retribución en especie/vestiario e agora a esta funcionaria pontevedresa recoñéceselle tamén o dereito a pesar de que non traballa en protección de autoridades.
Esta policía argumentaba na súa demanda que a Dirección Xeral da Policía prové a uniformidade para o servizo, de forma gratuíta, para aqueles funcionarios que o desempeñen vestindo uniforme e, con todo, non compensa a todos os funcionarios que prestan servizo de paisano, como ela.
Engade que "esta entrega gratuíta da uniformidade implica que os funcionarios que realizan servizo de uniforme non teñen ningunha carga económica" e que a Administración repón os uniformes periodicamente e tamén as pezas deterioradas. Con todo, "aos funcionarios que prestan servizo de paisano non se lles fai ningunha reposición nin de roupa de paisano nin de uniforme".
Na súa opinión, o feito de que os funcionarios policiais que non deban levar uniforme non teñan que ter ningunha compensación económica "supón unha discriminación prohibida polo noso ordenamento xurídico (artigo 14 da Constitución Española) que resulta inxustificada e irrazonable".