O alcalde pide unha entrevista coa ministra Ribera para concretar a súa oferta de colaboración con Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que vai mandar unha carta á vicepresidenta terceira do Goberno de España e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, por mor das declaracións efectuadas nun vídeo electoral difundido polo PSOE nas que expresa a súa disposición para colaborar co Concello de Pontevedra na recuperación para a cidadanía dos espazos de dominio público marítimo terrestre.
Nun vídeo duns corenta segundos gravado nunha visita fugaz á cidade do Lérez, Teresa Ribera lanza a luva ao goberno municipal, ao que lle pide "busquemos cómo hacerlo", asegurando que "tenemos las partidas presupuestarias y queremos hacerlo", aínda que non verbaliza en ningún momento o investimento que contemplaría o seu departamento para apoiar a denominada "estratexia Pontevedra Flúe".
Segundo adiantou o alcalde, na súa carta á ministra diralle que "agrádanos moitísimo as súas declaracións" e que "interpreto esas palabras como un espírito de colaboración con este Concello, que estariamos encantados de activar".
Lores tamén lle dirá que "esperemos que esta comparecencia signifique superar definitivamente o período de bloqueo dos proxectos pendentes en Pontevedra", entre os que citou a concesión de terreos para poder construír o vial de Mollavao, a renaturalización da Xunqueira de Ponte Sampaio, o segundo tramo do paseo a Marín, a desafectación dos terreos dos estacionamentos disuasorios de Xoán Manuel Pintos e Martín Códax, ademais da recuperación dos terreos da Xunqueira da Gándara "para o seu correcto mantemento e a súa incorporación ao ENIL", ademais de retomar os expedientes de desafectación doutros terreos de dominio público, entre outros asuntos dependentes do seu Ministerio.
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, o rexedor nacionalista manifestou que no goberno local "estráñanos moitísimo sempre esa especie de Guadiana, porque aparece sempre nas eleccións, o tema de Pontevedra Flúe, pero que non consta ningún compromiso oficial nesta Alcaldía".
O alcalde de Pontevedra reiterou que na súa carta á vicepresidenta Teresa Ribera "queremos concretar coa ministra esta liña de colaboración con Pontevedra e reforzala" por iso solicitará unha entrevista con ela "canto antes".
Esta urxencia en concretar "canto antes" este encontro débese, segundo explicou o alcalde, "se non é canto antes, entendemos que isto é unha diana electoral na que non estamos dispostos a entrar".
"Queremos chegar a acordos e queremos concretar os compromisos da ministra e os temas que leva ela de Transición Ecolóxica coa Alcaldía e co Concello, e esperemos que sexa así", dixo Lores que apuntou que ten "unha boa relación persoal coa ministra, pero non teño un contacto específico para falar de cuestións da súa competencia".
Relacionadas:
-
Transición Ecolóxica colaborará con Pontevedra na recuperación do seu litoral
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra planea unha zona de baño na Xunqueira de Alba e recuperar o canal interior da Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño |
-
Puentes espera que Lores "elixa o camiño correcto" e defenda os proxectos "pactados con Costas"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra Flúe?: "Quen representa ao Concello é o alcalde", asegura Lores
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Pontevedra e a ministra de Transición Ecolóxica reuniranse en Madrid o 21 de febreiro
Por Oskar Viéitez |
-
Teresa Ribera, "dispuesta a contribuir" na renaturalización de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |