Tres pacientes de cancro relatan a súa loita para atopar un emprego: “De fame non vas morrer pero si de pena”
Por Mónica Patxot & María José Pita
Cada canto vas a revisións? Canto tempo vas pedir? Son preguntas ás que se enfrontan os pacientes de cancro cando acoden a unha entrevista de traballo. Aínda que haxa un informe no que se indica que son aptos para desempeñar un emprego, a realidade é que o tecido empresarial segue sendo reticente a incorporar aos seus cadros de persoal persoas que superaron procesos oncolóxicos.
Sonia Cousillas, traballadora social da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), quere poñer por diante que "coñecemos casos de empresarios que si teñen sensibilidade, iso tamén hai que destacalo", aínda que a experiencia e testemuños dos pacientes aos que acompaña na sede en Pontevedra (Avda. Eduardo Pondal, 64A, baixo) mostran unha triste realidade: o 28 por cento dos pacientes de cancro manifestou a perda do seu emprego.
"Eu empezaría principalmente por romper estereotipos, a nivel sociedade e a nivel empresarial, escoitamos cancro e xa pensamos en todo o que poida conlevar, aínda que pasasen cinco anos do proceso oncolóxico. Entón, imos romper esa barreira", indica Cousillas.
Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro, que se conmemora este 4 de febreiro, a AECC pon o foco na importancia de abordar o impacto na vida laboral que conleva o diagnóstico e a posterior reincorporación ao traballo no caso de ausencia polo proceso de enfermidade. En Galicia, detectáronse 20.135 novos casos de cancro no 2023, dos cales 6.356 correspóndense con persoas en idade laboral, segundo datos do Observatorio do Cancro.
O diagnóstico conleva un aumento de gastos e unha diminución de ingresos que pode provocar situacións de vulnerabilidade económica en moitos pacientes. Neste sentido, estímase que en Galicia 1.261 persoas que foron diagnosticadas de cancro en 2023 atopábanse en situación de vulnerabilidade laboral e risco de pobreza.
Co fin de visibilizar esta realidade, tres pacientes de cancro de mama quixeron dar o seu testemuño: Inés Pérez, Judy Arboleda e María del Carmen Gutiérrez.
INÉS PÉREZ, 46 ANOS
Desde Lalín, Inés Pérez desprazábase a Pontevedra para contar a súa xa longa experiencia para reincorporarse ao mundo laboral. Diagnosticaba en 2018, pasou por un tratamento de quimioterapia durante 3 anos, 52 sesións de radioterapia, inmunoterapia e tratamento hormonal, "co que aínda continúo".
Antes do cancro, traballaba na charcutería dun supermercado. Tras o primeiro ano e medio de tratamento, regresou ao seu emprego coa esperanza de poder retomar "unha vida normal, co meu traballo, as miñas rutinas, ser útil". Pero os movementos repetitivos obrigárona a solicitar unha baixa aos tres días. "Solicitei un cambio de posto e a mutua certificou que non era apta para ningún posto do supermercado". Inés era consciente das súas limitacións, pero tamén a súa experiencia de anos no sector dáballe a certeza de que noutro posto era perfectamente válida. "Moitas veces, só hai que facer pequenas adaptacións no posto, como evitar levantar grandes pesos".
Recentemente, o INSS (instituto Nacional da Seguridade Social) recoñeceulle un 52% de discapacidade, que implica que aínda é apta para un posto de traballo adaptado ás súas circunstancias. Presentou currículos e asistiu a moitas entrevistas, e en todos os casos atopouse con que "me pechan as portas". Non entende como para algunhas entrevistas chámana directamente da Oficina de Emprego tendo xa en conta o seu grao de incapacidade e na entrevista acábanlle poñendo mil trabas. A máis recente, para limpeza de habitacións. "Díxenlles que me fixesen unha proba, pero puxéronme como escusa que, como era para cubrir unha baixa, non se podían arriscar a que eu tamén pedise unha baixa. Pois que xa non me chamen, e así me evito gastar diñeiro en desprazamentos e perder o tempo. Faite sentir unha inútil, sinceramente".
Inés asegura que neste momento busca traballo "en calquera sitio". Cobra un subsidio que non chega nin a metade dun soldo. Esta pequena axuda cóbrelle os gastos básicos. "De fame non vas morrer pero si de pena", asegura.
JUDY ARBOLEDA, 48 ANOS
Judy Arboleda chegou a Vigo fai vinte anos desde o seu Colombia natal. Dedicada á súa familia, nunca pensou traballar fóra de casa. En setembro de 2019 a súa vida deu un envorco co diagnóstico de cancro de mama invasivo en estadio 2. "Entón o médico comentoume todo o pack: cirurxía radical, quimio, extirpación de ganglios, hormonoterapia…".
Unha vez superada a fase máis aguda, esta sobrevivente do cancro non se imaxinaba os difíciles retos que lle deparaba a súa "volta á vida normal", unha expresión que se repite en todas historias de superación do cancro. Nesta etapa sente que "para recuperar a miña vida e ter a miña independencia" a mellor maneira era "buscar emprego".
Asesorouse co orientador laboral e "como me gusta a cociña, cursei o ano pasado o certificado de profesionalidade". As prácticas "foron ben" e ao pouco tempo chámana dun restaurante. O seu traballo desenvolvíao con soltura, pero dáse conta de que algunhas tarefas, como levantar pesos, non podía realizalas, xa que padecía de linfedema. Ao pedir unha adaptación do seu posto de traballo, atopouse coa negativa por parte da empresa.
Cun 33 por cento de discapacidade recoñecida, tan só precisa unhas adaptacións básicas do seu posto de traballo como axudante de cociña, unha tarefa que desempeña con toda solvencia. E unha oportunidade. "Se non podemos nunha área, podemos desenvolvernos noutra, somos persoas aínda novas que temos un futuro por diante e que nos fai falta que nos acepten, que nos vexan como unhas persoas válidas", recalca Judy.
MARÍA DEL CARMEN GUTIÉRREZ, 54 ANOS
"Traballei sempre como administrativa pero cando tiven este problema, as portas pecháronse", expresa María del Carmen Gutiérrez, ao relatar as implicacións que o diagnóstico de cancro de mama, no seu caso en 2018, ten no ámbito laboral. "Dicían que xa non era apta para o desempeño do traballo, por máis que sempre fixen cursos, estar actualizada, non quedarme quieta. Pero no momento das entrevistas, entre o proceso que houbo da enfermidade e o tratamento, hai no currículo un baleiro".
Entón xorde a pregunta: e este tempo?. "Unha explícalle, formeime pero non puiden traballar por este problema". Nese momento, a situación repítese, afirma esta arxentina residente en Pontevedra desde hai 24 anos. "A palabra cancro aínda é tabú, e entón péchanse as portas".
Polo seu tratamento, que aínda continúa, ten unha incapacidade temporal do 65 por cento. No que respecta ao traballo, tan só nota "unha limitación na man dereita que non me impide desempeñarme no meu campo laboral, como vin facendo ata o de agora".
Non entende a falta de sensibilidade por parte do empresariado. "Conseguín un contrato, o venres vou á seguridade social para tramitar todo para empezar o luns e chámanme ese venres ás seis da tarde para dicirme que o luns non me presente ao traballo porque chegaron á conclusión de que non encaixaba co perfil".
Por iso mira máis en global, pide que haxa unha lexislación na que se contemple a igualdade de oportunidades para todas as persoas que padecen un cancro e que son aptas para traballar. Na súa experiencia, quere lembrar que, cando traballou en empregos públicos a partir de listas de substitución, non tivo ningunha traba. O problema atópase no ámbito privado, e aí é onde o lexislador debería actuar, para que se poida poñer freo ás prácticas abusivas ás que están expostas as máis de cen mil persoas en idade laboral que reciben cada ano o seu diagnóstico de cancro en España.
Relacionadas:
-
Unha vintena de nenos con cancro foron atendidos o pasado ano pola AECC Pontevedra
Por Redacción & Oskar Viéitez |
-
O deporte pontevedrés súmase á loita #TodosContraElCáncer portando "brazaletes de esperanza"
Por Redacción |
-
"Galicia debe contar cun plan integral de control do cancro"
Por Redacción |