Escolares de Poio coñecen in situ como funciona o seu concello
Por Redacción
Alumnos de terceiro e cuarto curso do CEIP Isidora Riestra de Poio realizaron unha visita ás dependencias deste concello para coñecer en persoa e con detalle como funciona unha administración local.
Como cicerones contaron co alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís. Con eles percorreron as diferentes oficinas municipais nas que se lles explicaba o traballo que se realiza en cada unha delas. Tamén visitaron a alcaldía e completaron a visita no salón de plenos.
Na sala de plenos foi onde os escolares expuxeron diversas preguntas aos responsables políticos, por exemplo como se desenvolven estas sesións, como se elixen os concelleiros ou cales son as funcións dun alcalde. Tamén trasladaron as súas preguntas sobre obras e servizos municipais.
Para terminar a súa estancia, o alcalde fíxolles entrega dun pin co escudo de Poio e un libro de preguntas e respostas sobre o municipio de Poio.