Os comuneiros de Mourente, contra a Deputación por "deslealdade e dobre xogo" no conflito polos terreos de Príncipe Felipe
Por Redacción
Os terreos sobre os que se asenta a cidade infantil Príncipe Felipe son da comunidade de montes de Mourente. Así o ratifica unha nova sentenza, esta vez da Audiencia de Pontevedra. Pero o conflito non rematará aí porque a Deputación recorreuna ante o Tribunal Supremo.
Os comuneiros acusan ao goberno provincial de actuar con "deslealdade e dobre xogo", xa que aseguran que esta sentenza foi comunicada ás partes o pasado 24 de novembro e, no transcurso destes dous meses, houbo contactos oficiosos para resolver a situación.
Pero denuncian que, ao mesmo tempo que o ente provincial se mostrou disposto a pechar a vía xudicial e negociar unha cesión de uso cos comuneiros, deu orde aos seus servizos xurídicos para preparar un recurso de casación ante o Supremo, que foi inmediatamente presentado.
"Estamos decepcionados e indignados", subliñan desde a comunidade de montes, que acusan á Deputación de actuar a dúas bandas "co único fin de gañar tempo e intentando forzar aos comuneiros a negociar baixo a presión da fronte xudicial aberta".
Ante esta situación, a entidade comunal non volverá a negociar mentres o conflito xudicial non se resolva e cualifica a decisión do presidente provincial de "miope e cortopracista".
Ademais, advirten que o "gran descontento" que existe entre os comuneiros fixo medrar os partidarios de que, de ser favorable para eles a resolución do Tribunal Supremo, a Deputación soamente teña as opcións da expropiación ou do desaloxo.
Neste escenario, a comunidade de montes de Mourente mesmo podería reclamar a posesión das edificacións construídas, como contempla a lexislación.
Ao longo de trinta e tres páxinas, a sentenza da Audiencia Provincial é "contundente e clarificadora", afirman os comuneiros, ratificando a sentenza de primeira instancia.
Malia a non sufrir a imposición de costas, a comunidade de montes de Mourente lamenta que estes conflitos xudiciais lle supoñan o gasto duns recursos que precisa para coidar o monte e impulsar un cambio cara especies autóctonas e de maior valor ambiental.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez avoga polo "entendemento e a negociación" para chegar a acordo cos comuneiros de Mourente
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Mourente e a Deputación abren negociacións para a cesión dos terreos de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Carmela Silva abre a porta a negociar cos comuneiros de Mourente un canon "axeitado" por Príncipe Felipe
Por Manu Otero |
-
O Xulgado de Pontevedra recoñece á Comunidade de Montes de Mourente a titularidade dos terreos de Príncipe Felipe
Por Redacción |