Cubela e os veciños falan da marcha as obras da igrexa románica de Santa María de Sacos
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha reunión con diferentes representantes veciñais así como co presidente da Comunidade de Montes, Pepe Puentes, para informar a veciñanza sobre as obras de restauración da igrexa de Santa María de Sacos que contan cun orzamento financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de máis de 280.000 euros.
A este encontro asistiu tamén María García Couto, arquitecta externa da Xunta, quen insistiu na importancia dos traballos que se están acometendo para resolver os problemas de humidades que están a afectar á conservación das pinturas murais.
Neste sentido, explicou que se eliminaron os elementos de cubrición así como a estrutura de madeira existente, cambiando vigas e soportes, ademais foi necesario acometer unha drenaxe perimetral.
As obras, que está a acometer a empresa Trycsa, permitirán resolver moitos dos problemas que estaba a padecer este inmoble.
No transcurso da reunión, o alcalde de Cerdedo-Cotobade tamén anunciou aos veciños que xa conta cun proxecto aprobado para levantar o aglomerado que recubre a zona que se atopa diante da igrexa e que tamén alberga o palco "para converter todo este espazo nunha bonita praza que veña a poñer aínda máis en valor todo o conxunto arquitectónico".
Os veciños propuxeron varias actuacións como a limpeza do muro perimetral da igrexa cun cepillado manual e puxeron sobre a mesa a posibilidade de eliminar do palco, cuestión que quedou pendente de decidir en próximas reunións veciñais.