Trycsa rehabilitará a igrexa románica de Santa María de Sacos por 315.000 euros
Por Redacción
A Xunta de Galicia adxudicou xa os traballos para restaurar a igrexa de Santa María de Sacos, considerada a maior xoia de arte románico en Cerdedo-Cotobade, segundo indican desde o goberno local.
A empresa que executará as obras por arredor de 315.000 euros será Trycsa ao resultar gañadora do concurso público. Os arquitectos locais María García e Víctor Basoa foron os encargados de acometer o proxecto de rehabilitación coa intención de resolver os problemas detectados na drenaxe, cuberta, fachadas, carpinterías, paramentos interiores, o coro e as bóvedas do edificio relixioso.
Jorge Cubela, alcalde do municipio, mostraba a súa satisfacción ao entender que os traballos permitirán que o inmoble se converta nun dos puntos principais da promoción turística de arte sacra en Cerdedo-Cotobade.
Actualmente existe unha importante cantidade de filtracións de auga ao interior do templo. Está previsto que se cambie a actual cobertura de tella plana por unha placa de fibrocemento granonda e tella cerámica curva. Na sancristía reutilizarase o falso teito existente sempre que sexa posible e, no caso de que non poida executarse, establecerase un novo falso teito de madeira maciza de castiñeiro.
Tamén serán demolidos elementos de cubrición e desmontarase a estrutura de madeira cuberta, incluíndo vigas e soportes, eliminando todas aquelas que presenten deformacións excesivas para ser substituídas por novas pezas de madeira de castiñeiro.
Aqueles elementos que presenten danos de menor entidade serán tratados fronte a fungos e insectos para reutilizalos na estrutura da cuberta. Tamén está previsto unha drenaxe perimetral debido á presenza de humidades por capilaridade.
A escavación será realizada de forma manual ao atoparse lápidas no chan da contorna do mesmo xeito que tumbas encostadas ao edificio da igrexa. Tamén está previsto un control arqueolóxica durante este proceso.
En canto ao coro actual de formigón, realizado no século XX rompendo visualmente a imaxe románica do templo, o proxecto de rehabilitación propón cambialo por un novo coro realizado en madeira e de menor tamaño.
Entre outras numerosas melloras, contémplase a realización dunha escaleira de man para acceder ao campanario, mediante perfís tubulares e pasamáns de aceiro.
Na bóveda da ábsida non se realizarán intervencións. Neste punto atópanse as pinturas murais. A restauración destes elementos artísticos será acometida unha vez finalicen as obras de reforma da igrexa.
Relacionadas:
-
Cubela e os veciños falan da marcha as obras da igrexa románica de Santa María de Sacos
Por Oskar Viéitez |
-
Obras de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Sanxenxo nos premios Gran de Area 2023
Por Oskar Viéitez |
-
350.000 euros da Xunta irán destinados a restaurar a Igrexa de Santa María de Sacos
Por Redacción |
-
Cubela reúnese coa directora xeral de Ordenación de Territorio para axilizar a tramitación de varios proxectos
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Cubela pide axuda á Xunta para promocionar as xoias do románico de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O Concello promocionará as xoias do románico en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |