Obras de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Sanxenxo nos premios Gran de Area 2023
Por Oskar Viéitez
As Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia fallan os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2023.
Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Pontevedra, Vigo e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha "pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna".
Este ano presentáronse 71 proxectos de moi diversas escalas e localizacións. Segundo a valoración do xurado, nesta edición os proxectos destacaron en aspectos fundamentais como a recuperación do contorno, o uso de prácticas sostibles e a rehabilitación fronte á obra nova.
Entre os proxectos premiados atópase a reestruturación dunha vivenda unifamiliar na rúa Formigueira, 4 no centro histórico de Pontevedra, obra de Jose Luis Gil Pita. "Prémiase a reinterpretación dunha vivenda tradicional que se transforma en algo novo e diferente sen afectar ao volume orixinal, o emprego de sistemas construtivos tradicionais en madeira adaptados ás técnicas actuais que logra unha proposta interior contemporánea organizada ao redor dunha "árbore" de aceiro, sendo á vez estrutura e escultura", di o xurado.
Tamén foi premiada a recuperación patrimonial e paisaxística dos baños de San Xusto, en San Xurxo de Sacos no concello de Cerdedo-Cotobade, unha obra deseñada por Cristina García Fontán. "Prémiase esta rehabilitación patrimonial e paisaxística que recupera un aproveitamento termal existente e impleméntase cun balneario, polo seu marcado carácter social e ecolóxico, exemplo de sustentabilidade, participación e colaboración de institucións públicas e privadas. Está resolto de maneira maxistral, poñendo en valor un entorno de gran beleza e recuperando a memoria do lugar para os veciños", sinala o xurado.
En Sanxenxo foi premiada unha vivenda unifamiliar en Montalvo, no lugar de Arra, Sabugueira. Unha obra de Rodríguez + Pintos arquitectos, SLP. "Prémiase a calidade do proxecto de vivenda, tanto nos espazos proxectados como nos materiais e técnicas utilizadas. É unha proposta de deseño contemporáneo que á súa vez é un exercicio de bioconstrución e eficiencia enerxética. O resultado é un fogar eficiente, sereno e belo, relacionado co seu contorno inmediato", manifesta o xurado.
Relacionadas:
-
Un ciclo de visitas dará a coñecer os tres proxectos pontevedreses premiados co Gran de Area 2023
Por Redacción |
-
As obras de reforma da casa consistorial estarán finalizadas o 20 de xaneiro, na celebración de San Sebastián
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Trycsa rehabilitará a igrexa románica de Santa María de Sacos por 315.000 euros
Por Redacción |
-
O plan de usos de Tambo contempla un anfiteatro e a recuperación dos edificios para celebrar congresos
Por Oskar Viéitez |
-
O Colexio de Arquitectos Técnicos advirte do déficit de man de obra na construción: "impide que o sector avance"
Por Anxo Lourido |