Un paseo polo patrimonio da ría de Pontevedra? Facémolo 'Cos 5 sentidos'
O patrimonio cultural é un dos elementos da riqueza que aglutina a ría de Pontevedra e o podcast 'Cos 5 sentidos' fixa a súa atención nel. A través destes programas de PontevedraViva Radio póñense en valor estes emprazamentos que falan da historia e tradición de Pontevedra, Poio e Marín.
A modo de audioguías entramos 'Cos 5 sentidos' no que foron e seguen sendo, entre outros, lugares como as prazas do centro histórico de Pontevedra; os hórreos, cun exemplo recoñecido como o que se sitúa no Mosteiro de Poio ou a herdanza prehistórica dos Labirintos de Mogor, en Marín.
Estes podcast son unha publicación divulgativa que está financiada polo Plan Social Ence - #enceplansocialpontevedra - e aos que se accede a través da web de PontevedraViva Radio.
Os tres primeiros programas percorren a zona vella pontevedresa a través das súas prazas.
Así, o primeiro podcast comeza andaina pola praza da Pedreira. De aquí, seguindo o traxecto recomendado, a seguinte parada é a praza da Leña. E para completar o primeiro dos programas, as dous seguintes protagonistas son a praza da Verdura e a praza de Méndez Núñez.
No segundo programa proseguimos o traxecto cara á praza do Teucro, a que pasa por ser a máis señorial da cidade. Apuntadas as súas referencias, retómase o roteiro xacobeo para tomar o desvío ata a praza da Cinco Rúas, emprazamento de reminiscencias literarias. De volta ao tramo urbano do Camiño de Santiago, outra parada na fachada fluvial de Pontevedra para coñecer a praza Valentín García Escudero e a praza do Peirao que nos falan do principal porto galego durante os séculos XV e XVI e de Colón.
E xa no terceiro capítulo completamos o percorrido proposto polas prazas desta capital. Empezamos bordeando a parte oeste da zona vella pontevedresa e isto significa percorrer o que na época medieval foi o límite amurallado da cidade. A primeira parada deste episodio é a Real Basílica de Santa María a Maior. A seguinte parada é a praza con nome doutro literato, neste caso o poeta Curros Enríquez. O lugar final deste periplo é a gran praza pontevedresa: a Ferrería. É un emprazamento que serve de nexo con outras prazas: a Praza da Estrela, a Praza de Ourense e a Praza da Peregrina.
Tamén se poden escoitar e descargar en calquera momento desde a mesma web os dous programas dedicados ao Mosteiro de Poio.
No primeiro capítulo focalizamos a atención na historia deste cenobio que comeza no século VII e resulta difusa ata a metade do século XV cando chega a Congregación de San Benito de Valladolid. A súa estancia concluirá en 1835. Algo máis de cinco décadas despois tomarán a substitución monacal os frades da Orde Mercedaria. Actualmente son estes monxes os que seguen custodiando a actividade e a historia que atesoura o mosteiro.
O segundo podcast dedicado ao Mosteiro de Poio focalízase a atención no seu patrimonio e historial cultural.