Reptar unha pendente imposible en vertical, a orde coa que un sarxento da Brilat puido extralimitarse e acabou procesado
Por Natalia Puga
Un sarxento da Brigada Galicia VII, Brilat, acaba de ser procesado e chegará a xuízo por presuntamente extralimitarse nas súas funcións mentres dirixía unha instrución e ordenar a un grupo de militares reptar por unha pendente en vertical de case 90 graos que era "imposible", segundo os participantes, que consideran que foi unha represalia porque algúns deles quedaron atrasados.
O sarxento tentou recorrer o seu procesamento alegando que "reptar polo chan é unha actividade propia da instrución e adestramento dos militares de infantería, non supoñendo en ningún caso un castigo", pero o Tribunal Militar Territorial da Coruña desestimou o seu recurso e decidiu que sexa xulgado.
O procesado é sarxento do Exército de Terra destinado no Rexemento de Infantería Isabel La Católica 29, con base en Figueirido e o delito que se lle atribúe é extralimitación no exercicio do mando, castigado con penas que van de tres meses e un día a dous anos de prisión. Actualmente está en liberdade provisoria.
Os feitos ocorreron o 18 de novembro de 2022, durante un exercicio do programa de instrución semanal que dirixiu o citado sarxento como xefe accidental. Realizaron unha carreira continua e algúns soldados quedaban atrasados, debido a que non podían seguir o ritmo da carreira que lles marcaba, polo que outros compañeiros decidiron esperar aos que viñan máis atrás.
Primeiro, o sarxento ordenoulles esperarlles facendo un ferro, pero, pasado un intre, algúns soldados volveron quedar atrasados e os que ían por diante atrasaron o seu ritmo para evitar que se perdesen. Segundo os militares participantes, iso "provocou o enfado do sarxento, que lles manifestou que, xa que non querían correr, ían a reptar".
O sarxento ordenoulles aos soldados reptar por un terreo que, tal como definen as testemuñas, "estaba recentemente rozado e cheo de silvas, paus e ramas", ademais de ter certa pendente que se facía moi pronunciada ao final do tramo, o que "provocaba que fose practicamente imposible subir reptando sen levantar a cadeira ou facelo a gatiñas".
O mando consideraba que algúns soldados non reptaban dita pendente correctamente, obrigábaos a baixar e subir de novo do mesmo xeito, reptando, polo que algúns deles tiveron que facer o percorrido en varias ocasións, como foi o caso do soldado que, coa súa actuación, deu a coñecer o ocorrido.
Este soldado, ao chegar a ese punto de gran pendente, levantouse. O sarxento ordenoulle que continuase, respondeulle que era imposible reptar esa pendente que era vertical, o sarxento díxolle que incorrería nunha falta grave se desobedecía as súas ordes e o soldado contestou que lle puxese a falta, que ía á furrilería, como así fixo, para dar novidade aos xefes do que pasara.
Tras este incidente, os demais continuaron coa carreira. Aproveitando que había un gran charco de barro, o sarxento ordenou aos soldados pasar o mesmo reptando e introducirse ben no charco, obrigándolles a mergullar mesmo a cabeza. Un soldado indicou que non podía introducir a cabeza no charco porque estaba recentemente operado da vista, polo que lle exonerou unicamente a el de facelo.
Continuaron a carreira ata chegar a unha especie de pilón cheo de auga, ordenándolles o sarxento que entrasen no mesmo para quitar o barro, de modo que saíron empapados. O sarxento díxolles aos soldados que o que pasara alí quedaba entre eles, a modo de secreto e para que non contasen nada.
Os soldados que formaron parte do grupo de carreira explicaron que non lles coubo dubida algunha de que o sarxento lles ordenou reptar durante a carreira "como castigo e represalia porque algúns quedaban atrasados", o que provocou que outros baixasen o ritmo para esperarlles e evitar que mesmo se perdesen durante o percorrido. Igualmente os soldados coinciden en que a pendente final do tramo que fixeron reptando era case vertical, un mesmo declarou que era imposible de reptar debido a que tiña unha pendente de case 90 graos.