O PP reclama ao Ministerio de Interior unha nova comisaría para a Boa Vila
Por Oskar Viéitez
A creación dunha nova comisaría en Pontevedra e unha Unidade de Prevención e Reacción chega ao Congreso de man do Partido Popular.
Os deputados populares Ana Pastor, Pedro Puy, Irene Garrido e Ana Vázquez levarán á Comisión de Interior do Congreso dos Deputados esta petición, así como a adscrición desta Comisaría dunha Unidade de Prevención e Reacción.
O PP xustifica a súa petición en que as actuais dependencias están "totalmente obsoletas" e presentan numerosas deficiencias como, por exemplo, a falta de intimidade na oficina de denuncias, falta de duchas e servizos nos vestiarios dos policías, ausencia de luz natural en todo o edificio e os espazos reducidos en todas as dependencias.
"Só unha nova comisaría permitiría ofrecer aos cidadáns un servizo adecuado", sostén o PP polo que entenden que "se fai necesario a construción desta infraestrutura, xa que os pontevedreses merecen un servizo similar ao do resto das cidades".
Desde a Confederación Española de Policía (CEP) aplaudiron esta iniciativa que ven como "unha esperanza de levar a Pontevedra á realidade do século XXI ante o crecemento dos delitos violentos e poder atender ao cidadán con medios adecuados".
Carlos Rodríguez Losada, secretario provincial do CEP manifesta que "nin os policías nin os cidadáns de Pontevedra entenderían un voto en contra a esta iniciativa".
Relacionadas:
-
Os populares solicitan a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade tras os roubos sucedidos nos últimos meses
Por Redacción |
-
O SUP denuncia o mal estado das comisarías de Pontevedra e Marín e solicita inspección técnica aos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Os sindicatos policiais reclaman máis seguridade cidadá, máis medios e máis policías
Por Oskar Viéitez |