Arrancan os traballos de ampliación e mellora da estrada EP-7102, entre Fondós e Bugarín
Por Redacción
As obras de ampliación e mellora da estrada provincial EP-7102, entre Fondós e Bugarín, están xa en marcha.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo este mércores un encontro cos técnicos da empresa adxudicataria dos traballos, financiados pola Deputación cun investimento aproximado de medio millón de euros.
Cubela manifestou a súa satisfacción polo inicio das obras e lembrou o traballo que houbo que facer para superar os atrancos administrativos do anterior goberno provincial. "Hai que lembrar que nos chegou o convenio da Deputación na semana de Nadal do 2022, nuns momentos moi complicados polas propias características desas datas, e o 29 de decembro de 2022 celebramos de urxencia un pleno extraordinario para poder aprobalo e dotalo economicamente con fondos propios do Concello e poder así sufragar as expropiacións das parcelas que non se conseguiron a título gratuíto, que realmente foron moi poucas xa que practicamente todo o mundo colaborou. Fixemos un traballo inxente para conseguir o 95% das parcelas cedidas polos veciños e transferilas á Deputación en tempo récord para cumprir cos requisitos legais e aínda así seguíronse acumulando os restrasos", defendeu o rexedor.
En todo caso para o alcalde "ben está o que ben acaba e desta vai, este tramo de apenas un quilómetro está a executarse con dous carrís de 3,50 metros de ancho cada un e unha marxe de 50 centímetros a cada beira", concluíu Jorge Cubela.