Cerdedo-Cotobade agarda que a Deputación axilice os trámites para mellorar a estrada de Fondós a Bugarín
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade agarda que a Deputación de Pontevedra axilice canto antes o expediente para que se acometan de inmediato as obras pendentes para a mellora da estrada Fondós-Bugarín.
O alcalde, Jorge Cubela lembra que o Concello apurou ao máximo a sinatura do convenio remitido pola Deputación para executar a mellora deste tramo de apenas un quilómetro de lonxitude da estrada EP-7102 Serrapio e Portela en Quireza.
Cubela lembra que lles chegou o convenio da Deputación de Pontevedra na semana do Nadal, "moi complicada polas propias características desas datas", e o 29 de decembro celebraron de urxencia un pleno extraordinario para poder aprobalo e dotalo economicamente con fondos propios do Concello e poder así sufragar as expropiacións das parcelas que non se conseguiran a título gratuíto.
O 95% das parcelas foron cedidas polos veciños e xa foron cedidas á Deputación en tempo récord para cumprir cos requisitos legais.
Tomado o acordo polo Pleno, e feita a transferencia á Deputación, Cubela lembra que agora todo está en mans do ente provincial, que terá que facer o proxecto de expropiación e licitar a obra. "Non hai volta atrás. Desta vez, este tramo de apenas un quilómetro vaise executar con dous carrís de 3,50 metros de ancho cada un e unha marxe de 50 centímetros a cada beira", sinalou.
Esta obra vai supoñer un investimento aproximado de medio millón de euros e o alcalde manifestou que están "moi orgullosos" polas xestións e o traballo feito.