Carlos Viéitez, alcalde de Meaño, regresa ao PP cinco anos despois
Por Redacción
Cinco anos despois da súa expulsión do partido, o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, regresará á disciplina do Partido Popular.
Viéitez integrarase no PP xunto a todo o seu grupo municipal, actualmente unha formación independente baixo a denominación Veciños de Meaño, que nas últimas eleccións municipais obtivo a maioría absoluta, con oito dos trece edís da corporación.
O obxectivo desta integración, segundo o presidente provincial dos populares, Luis López, é "construír un proxecto máis forte e unido a favor dos veciños" deste municipio, onde os populares tiñan un único concelleiro.
Nos próximos días activaranse os formalismos e os procedementos regrados internos para confirmar esta reunificación e cando finalicen esas cuestións administrativas "comezaremos a funcionar como un grupo forte e maioritario", sostivo o dirixente do PP.
Luis López mostrou a súa satisfacción "pola suma de esforzos e de persoas no Partido Popular como a gran casa común do centro-dereita" e celebrou que ambas as partes axuntasen "sensibilidades" para traballar en común.
En virtude deste acordo, Carlos Viéitez continuará como alcalde de Meaño, xa que López subliñou que é un "magnífico alcalde en todas as facetas" e a súa xestión foi apoiada polos cidadáns hai apenas dez meses.
"No PP caben todas as persoas que queira estar nel, porque somos inclusivos, integradores e buscamos sempre ampliar ao máximo a nosa base social", explicou o presidente dos populares de Pontevedra, que avanzou que "imos seguir nesta liña de traballo".
Luis López desvinculou esta integración do alcalde de Meaño da operación que logrou sacar adiante a moción de censura que devolveu a Mancomunidade ao PP, grazas aos votos de Carlos Viéitez e de José Aspérez (Meaño Independiente). Este último ven de ser nomeado delegado de Turismo na Mancomunidade.
O presidente provincial do Partido Popular asegurou que "son procesos totalmente separados". "O noso objetivo non foi contentar a ninguén. O que fixemos foi dar estabilidade, achegar xestión e blindar a mancomunidade de pelexas como as que se tiñan producido, cando a única noticia en seis meses foi a discusión entre o Bloque e o PSOE por unhas dietas de 40 euros".