Un problema de subministracións provoca a cancelación de citas a pacientes oncolóxicos
Por Oskar Viéitez
A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés ten un problema de desabastecemento de axentes de contrastes radiolóxicos para poder facer algunhas probas, polo que este xoves os responsables sanitarios están a mandar a algúns pacientes oncolóxicos para as súas casas sen poder atenderlles.
Desde a xerencia da área sanitaria confirmaron que "ante o imprevisto de demora na chegada da suministración de contraste" tivéronse que "desprogramar na mañá de hoxe varias probas de TC (tomografía computarizada)" unha decisión que se adoptou "preservando aquelas que tiñan maior prioridade ademais das urxentes".
A xerencia tamén avanza que "está previsto no día de mañá venres continuar coa actividade e reprogramar as non realizadas no día de hoxe", unha situación pola que piden desculpas.
Os contrastes son substancias que se introducen no organismo por distintas vías para conseguir distinguir algunha estrutura que doutra forma non podería visualizarse. Tamén se utilizan para estudar a vascularización dos distintos órganos ou para valorar as arterias e veas de calquera parte do organismo.
A última hora da mañá a Xerencia confirmou que xa dispón do subministro de contraste "para dar continuidade asistencial á prestación sanitaria".
Dende CIG-Saúde denunciaron que "os últimos acontecementos na área de Pontevedra-Salnés son bo exemplo da delicada situación que atravesa a sanidade pública galega".
A central sindical nacionalista explica que "a escaseza de contraste dáse cando menos dende hai 10 días, pero non foi até hoxe cando se comezaron a suspender os TAC".
En Montecelo e no Hospital Provincial "quedaba substancia para unhas sete persoas, mentres que no Salnés só para dúas", detallan. Polo que os hospitais decidiron realizar unicamente as probas máis urxentes e gardaron 2-3 doses de contraste por se se presentaba unha urxencia, quedando só no Provincial até 15 TAC sen facer.
Diante disto, dende a central sindical pregúntanse "como é posible" que o Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo teña "doses de sobra" mentres escasea no caso dos pontevedreses, "tendo en conta que as compras realízanse de xeito centralizado".
Con todo, CIG-Saúde recoñece que existen problemas de subministro por parte das farmacéuticas, especialmente coa que máis traballa o Sergas, pero reclaman que "alguén debera dar a cara e explicar o que está a acontecer; e sobre todo poñer unha solución urxente enriba da mesa".
Relacionadas:
-
Montecelo incorpora un equipo de resonancia magnética que reporta máis precisión e comodidade para os pacientes
Por Redacción |
-
A Policía descarta unha sabotaxe e atribúe a un cúmulo de erros a avaría do TAC de Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Este mércores é o Día Europeo da Saúde Sexual e a área sanitaria o celebra cun programa de actividades
Por Redacción |
-
O centro de saúde de Marín sumou un psicólogo clínico ao seu persoal no mes de xaneiro
Por Redacción |
-
A unidade de Hospitalización a Domicilio do Salnés se trasladará a antiga área de Esterilización
Por Redacción |