Aparecen peixes mortos no río Lérez e investígase a orixe
Por Natalia Puga
Na tarde deste xoves, numerosos cidadáns observaron a aparición de peixes mortos no río Lérez ao seu paso por Pontevedra, na zona próxima á ponte dos Tirantes e cara á Illa do Covo.
A situación chegou a coñecemento do Concello de Pontevedra, que está a intentar determinar o motivo desta mortalidade. De momento, sinalan que non hai constancia de ningún vertido na zona que poida xustificar esta morte.
Non se trata de moita cantidade de peixes, pero a cidadanía amosa a súa preocupación polo sucedido e desde o Concello barallan distintas opcións como causa do acontecido.
Unha das hipóteses coa que se traballa é unha variación na salinidade da auga, asociada ao episodio de fortes choivas, pois a perda de sal afecta negativamente aos ecosistemas fluviais e mariños.