Abandonan un sofá no parque forestal da Tomba
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra foi informado por unha particular do sorprendente achado dun sofá no monte da Tomba.
Lamentablemente, resulta habitual atopar lixo de todo tipo no medio da natureza, pero neste caso chama a atención o volume dos aveños, sobre todo tendo en conta que o municipio dispón dun servizo gratuíto de recollida de residuos voluminosos a pé de rúa ou no punto limpo que a concesionaria Prezero ten instalado no polígono industrial do Campiño.
Actualmente, as persoas que precisen de retirada de voluminosos deben chamar ao 986.850.225 para informar sobre o material para a súa recollida. A empresa encárgase de informar sobre a zona onde debe depositar o produto e que día concreto.
O parque forestal da Tomba ten unha superficie de 82 hectáreas situadas nos montes de Campañó, ao norte da cidade de Pontevedra.
Nos últimos anos investiuse neste enclave natural poñéndoo en valor e dotándoo de varios miradoiros, bancos, mesas, fontes e unha rede de sendas duns 17 quilómetros pasando por camiños forestais e as plantacións de castiñeiros, carballos e oliveiras, ademais de percorrer os gravados rupestres que hai na zona.