Vilaboa anima á veciñanza a inscribir os seus fillos nos colexios do municipio
Por Redacción
O alcalde de Vilaboa, o socialista César Poza, remitiu unha carta ás familias que neste municipio teñen menores en idade de iniciar a Educación Infantil.
Nestas misivas o rexedor pide a confianza nos centros públicos de Vilaboa e que por tanto os matriculen no seu concello, porque como indica "elixir Vilaboa é elixir calidade en educación".
Desde o Concello inciden na importancia de que non descenda o número de escolarizados xa que diso depende a continuidade do Colexio Rural Agrupado, que no caso deste municipio oferta aulas de Educación Infantil para Bértola, Figueirido, Paredes, Barciela e Pousada, Primaria e ESO no Toural, o Plurilingüe de Riomaior e compleméntanse coa Escola de Música de Vilaboa e a Galiña Azul.
Poza anima ás familias a que comproben persoalmente que os centros de educación "son de alta calidade, cun equipo docente en todos eles con vocación e con programas formativos excepcionais".
O próximo 1 de marzo abrirase o prazo de prematrícula e admisión para o curso 2024-25 e concluirá o 20 de marzo.