Todo o litoral costeiro estará este xoves en alerta laranxa por temporal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As ondas de ata oito metros que se rexistrarán este xoves en todo o litoral galego levou á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia a activar para este xoves 22 de febreiro a alerta laranxa por temporal costeiro.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde esta madrugada ao noroeste da Coruña e na Mariña lucense.
A medida que avance o día o nivel de alerta laranxa afectará tamén ao resto do litoral da Coruña e á provincia de Pontevedra, tanto ás Rías Baixas como á zona do Miño.
Está previsto mar combinada do noroeste e ondas de ata 8 metros. Ocasionalmente haberá tamén ventos de forza 8 e refachos de ata 74 quilómetros por hora.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos.
Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.