Condenado por causar danos nas casas de dous veciños de Tenorio por desavinzas coa comunidade de augas
Por Natalia Puga
Un home deberá pagar unha multa de 3.600 euros e indemnizar a dous veciños de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, por causarlle distintos danos nas súas propiedades no contexto dunha mala relación veciñal.
O home foi inicialmente condenado polo Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra e despois pola sección segunda da Audiencia Provincial.
Nesta segunda sentenza, o tribunal conclúe que "as desavinzas" que mantiña o acusado coa Comunidade de Augas, da cal as dúas vítimas eran presidente e secretaria, "semellan ser de onde agroma a causación dos danos no portal da vivenda do primeiro e na tapa do contador e na rosca de conexión da chave de paso da auga da segunda".
Os dous órganos xudiciais consideran probado que é autor dun delito continuado de danos que cometeu o 11 de abril de 2022, sobre as 22.10 horas.
Segundo os feitos considerados probados, primeiro pasou por diante do domicilio do presidente da comunidade de augas e tirou una pedra contra o portal de acceso á vivenda, causando danos cuxa reparación obrigou á colocación dun portal novo valorado en 2.265 euros. Ademais, a súa instalación supuxo un gasto por man de obra de 975 euros.
Seguidamente, dirixiuse á vivenda propiedade da secretaria, tamén en Tenorio, e rompeu a tapa do contador da auga e a rosca de conexión da chave de paso de auga. A reparación está valorada en 254,10 euros.
Ademais de pagar a multa de 3.600 euros en prazos mensuais de 120, tamén deberá indemnizar ao presidente con 3.240 euros e á secretaria con 254,10.
O acusado recorreu a sentenza do Penal alegando un erro na avaliación da proba na procura da absolución. O maxistrado Xosé Xoán Ramón Barreiro, da sección segunda da Audiencia, desestimou o recurso ao considerar que "por ningures albiscamos o máis mínimo erro na avaliación probatoria" realizada polo xuíz inicial, senón, "moi ao contrario, o pleno acerto".
Recoñece o maxistrado que non existe proba directa, pero que consideran "máis que suficientes" os indicios. Entre outros, sinala a presenza do acusado no lugar dos feitos, a coincidencia horaria ou o desprazamento co seu ben visible automóbil por mor da súa cor, que "non deixaban lugar a dúbidas da existencia e práctica de proba de cargo máis que abonda.