Oito anos de éxito dos obradoiros de maquillaxe para pacientes oncolóxicas no Provincial
Por Oskar Viéitez
Un grupo de pacientes oncolóxicas veñen de participar esta semana no Hospital Provincial nos talleres de cosmética e maquillaxe "Ponte guapa, te sentirás mejor" que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés desenvolve en colaboración coa Fundación Stanpa.
A Xerencia non dubida en darlle continuidade a esta iniciativa que está moi consolidada dende que deu comezo a principios de xullo do ano 2016.
Estes obradoiros son un éxito, mesmo se celebrou con gran acollida na época de pandemia, na que se efectuaron sesións telemáticas on line.
Os dous factores que posibilitan os bos resultado deste programa estético dirixido a pacientes oncolóxicas de toda a área de saúde son, por unha banda, a gran implicación da Fundación Stanpa e das esteticistas voluntarias e profesionais que acompañan ás pacientes en cada un dos obradoiros de cosmética, así coma do equipo asistencial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Unha profesional da unidade de Oncoloxía sempre está presente durante o desenvolvemento dos mesmos para responder ás dúbidas que poideran xurdir á hora de compaxinar os coidados da pel coa patoloxía.
Os profesionais do servizo de Oncoloxía pontevedrés fan referencia á boa disposición das mulleres que son atendidas na unidade a participar e destacan que se manteñen moi activas, pois a miúdo demandan máis información sobre estes obradoiros.
A valoración realizada polo persoal de enfermaría implicado nestes obradoiros conclúe que "grazas ao boca a boca nos Hospitais de Día oncolóxicos da Área Sanitaria e grazas ao persoal destas unidades, que se volcou dende o primeiro minuto nesta iniciativa co obxectivo de fomentar o benestar e a confortabilidade das pacientes, acádase unha gran cantidade de voluntarias para participar nestes obradoiros. De feito, practicamente sempre os pechamos co máximo de mulleres que poden participar".
COIDADOS DA PEL E MAQUILLAXE
A dinámica dos talleres "Ponte guapa, te sentirás mejor" non varía dun obradoiro a outro: dúas esteticistas profesionais guían ás pacientes ao longo de doce pasos para recuperar o seu aspecto natural; dende a limpeza e a hidratación da pel ata a corrección de imperfeccións e a aprendizaxe de técnicas de maquillaxe. Para isto, a Fundación Stanpa proporciona a cada unha das mulleres participantes un neceser de produtos doados por diferentes marcas de cosmética.
Ofrecer ás mulleres que están a loitar contra o cancro, de xeito gratuíto e voluntario, unha formación práctica no coidado da pel e maquillaxe para que recuperen o seu aspecto natural é a finalidade desta iniciativa, de xeito que as pacientes poidan afrontar a súa enfermidade cunha maior confianza e recuperar o ánimo.
Este programa pretende proporcionar unha actividade diferente ás pacientes oncolóxicas da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés co obxectivo de pasar un tempo agradable, reducir os potenciais niveis de ansiedade ocasionados pola enfermidade que están a atravesar e facilitar a súa interrelación coas persoas que as rodean.
Cómpre sinalar que, durante algúns tratamentos oncolóxicos, o corpo, o cabelo ou a pel poden experimentar importantes cambios, polo que adaptar os coidados ás novas necesidades do organismo é fundamental.
O feito de coidar o aspecto non só contribúe a mellorar o estado de ánimo do paciente, senón que tamén contribúe a reducir o seu nivel de ansiedade e a reforzar a confianza en si mesmo.
Relacionadas:
-
Amplían cunha segunda consulta externa o servizo de Oncoloxía do Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
A incorporación de doce ecógrafos portátiles para Atención Primaria mellorará a lista de agarda
Por Redacción |
-
Critican que os policías nacionais de Pontevedra teñan que aprender con vídeos a facer un RCP ou usar un desfibrilador
Por Oskar Viéitez |
-
Luisa Sánchez tomará posesión como deputada provincial tras a renuncia de Marta Fernández-Tapias
Por Oskar Viéitez |
-
Dexeneración macular, glaucoma, catarata, conxuntivite e ollos secos, as doenzas máis frecuentes en Oftalmoloxía do CHOP
Por Redacción |