Marín impulsa a novena edición da Andaina Montes e Praias
Por Redacción
Máis de 360 persoas xa están inscritas para participar na novena edición da Andaina Montes e Praias, que organizará o próximo 10 de marzo o Concello de Marín, en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro.
A andaina arrancará ás nove da mañá da Alameda de Marín e percorrerá as principais paraxes naturais do municipio.
Os participantes poden decidir entre as dúas modalidades propostas: por unha banda, a andaina popular de 15 quilómetros e, por outra, a deportiva de 25. Para a primeira, páganse cinco euros por participar, e na segunda, doce euros (trece para os non federados).
A recollida do dorsal poderá facerse previamente o sábado de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas no Palco da Música da Alameda ou o propio domingo de 07:45 a 08:50 horas.
Esta andaina forma parte de dous calendarios oficiais, o da Liga Ibérica de Sendeirismo da Federación Galega de Montañismo e da Liga da Xunta de Galicia da Federación Galega de Montañismo.
As incripcións pecharán o día 1 de marzo por cuestións de organización.
Cinco euros de cada inscrición será a doazón que recibirá a asociación contra o cancro de Marín.
A súa presidenta explicou que se trata dun evento saudable, "que nos encanta, no que vemos que a xente repite e que serve para visibilizar todo o traballo que facemos desde a asociación".
A celebración da andaina, como xa é tradición, coincidirá co Bolo do Pote, organizado por Pousos da Area e que estará aberto a todos os que lles apeteza desfrutar deste tradicional plato típico do tempo de Entroido.