Pontevedra, en alerta polas intensas chuvias e o forte vento do temporal
Por Redacción & Cristina Saiz
O temporal que azoutou Galicia nas últimas horas deixouse sentir de maneira notable en toda a provincia de Pontevedra, onde se concentraron as principais incidencias.
Non era para menos. A estación meteorolóxica de Xesteiras (Cuntis) rexistrou ventos de ata 113,4 quilómetros por hora e na de Rebordelo (Cotobade) recolléronse 78,7 litros por metro cadrado, só na xornada do domingo.
Nas de Pontevedra, pola súa banda, caeron 41,4 litros por metro cadrado e o refacho máximo de vento, rexistrada na estación de Campolongo, foi de 59,8 quilómetros por hora.
Debido ás intensas choivas e os fortes ventos deste domingo, a cidade de Pontevedra experimentou un regueiro de incidencias. Iso si, ningunha de gran consideración.
Así, os servizos de emerxencias tiveron que retirar os paneis de protección dunha obra na rúa Peregrina, que caeran polo vento, un toldo en Augusto González Besada ou varios valos de obra na Rúa do Gorgullón.
Ademais de contedores movidos en distintos puntos da cidade, os efectivos tiveron que retirar dúas árbores en Marcón e Ponte Sampaio que caeron sobre o tendido eléctrico e pechouse ao tráfico o Camiño Vello de Castela e un carril de José Malvar pola subida da marea.