Os nervios delatan o ladrón dunha motocicleta
Por Oskar Viéitez
Un mozo de 23 anos de idade, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, foi detido por axentes da Policía Nacional como presunto autor dun delito de roubo de vehículo e un delito contra a seguridade vial.
Segundo informan fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, os feitos sucederon na tarde do 12 de febreiro, cando axentes policiais que se encontraban levando a cabo labores de prevención da seguridade cidadá, observaron un individuo en actitude sospeitosa que ao detectar a presenza policial estacionaba un ciclomotor de xeito apresurado e abandonaba o lugar.
Instantes despois dirixiuse aos axentes un home que afirmaba que lle subtraeran o ciclomotor ao seu irmán e que o presunto autor fuxira por un monte próximo. Os axentes comprobaron que se trataba do individuo que acababa de abandonar o ciclomotor nas proximidades ao ver os axentes.
Unha vez localizado procederon á identificación deste e á súa detención e tras comprobar que o detido carecía de licenza para conducir ciclomotores tras serlle retirada esta ao perder todos os puntos sen que nunca se presentase ao exame correspondente, polo tanto impútaselle tamén un delito contra a seguridade do tráfico.
O detido, unha vez tramitado o correspondente atestado policial, foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.