Dous cociñeiros de Carril, candidatos ao premio Cociñeiro Galego 2024
Por Alejandro Espiño
Os cociñeiros do restaurante D'Leria, situado en Carril (Vilagarcía de Arousa), optarán ao premio de Cociñeiro Galego 2024, que se fallará o próximo 7 de abril no marco do Galicia Fórum Gastronómico que se celebrará na Coruña.
A de Alba Aguiar e Álex Falcón é unha das cinco candidaturas a este galardón, patrocinado por Gadis, e que será elixido mediante votación popular e a dun xurado profesional.
Ambos traballan con produtos locais en rigorosa estacionalidade desde unha pequena casa mirando á ría de Arousa, fronte aos bancos marisqueiros de Carril, nun marco xeográfico de gran beleza. Toda unha taberna mariñeira aberta hai dous anos.
Entre os finalistas, que cociñarán en directo un dos seus pratos, están Alberte Gutiérrez (Alberte, Vigo), Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova, Verín), Fernando Rodríguez (O Secadeiro, Outes), e Víctor Conus (La Mesa de Conus, Vigo).
Todos eles son, segundo a organización, cociñeiros emerxentes que ofrecen propostas culinarias de calidade, utilizando produtos de proximidade para ofrecer unha cociña sostible.
As votacións realizaranse a través da web www.galiciaforumgastronomico.com/cocinerogallego ata o próximo 31 de marzo.
O gañador ou gañadora do concurso elixirase sumando as votacións do público a través da web e o voto do xurado profesional, en porcentaxes paritarias do 50 e 50%
O premio Cociñeiro Galego 2024 é posible grazas ao patrocinio de Gadis, que se posiciona así dentro dun sector en auxe mediante o apoio aos novos valores emerxentes, pero tamén aos produtos galegos de proximidade e á gastronomía sostible.