El Cafetín e Otoro, entre os participantes do Desafío XChef de Cervezas 1906
Por Redacción
Dous restaurantes da área de Pontevedra participarán na primeira edición que se celebra en Galicia do certame Desafío XChef de Cervezas 1906. Trátase de El Cafetín (Pontevedra) e Otoro (O Grove), que competirán con outros 39 establecementos galegos.
Cada un dos participantes debe idear unha tapa e propoñer unha maridaxe con algunha das cervexas da familia 1906, que comercializa a corporación Hijos de Rivera.
Ata o próximo 24 de marzo, os clientes poderán avalar cos seus votos as tapas daqueles cociñeiros que máis lles convenzan e só catro deles chegarán á gran final do certame, que se celebrará en abril na Coruña, no marco do Fórum Gastronómico de Galicia.
Desafío XChef de Cervexas 1906 é un certame que percorre todo o país co obxectivo de recoñecer o esforzo dos cociñeiros por introducir boas prácticas nos procesos que levan a cabo nos seus establecementos.
Deste xeito, a través desta competición, a organización reta aos aspirantes para demostrar, non só a súa destreza e creatividade á hora de presentar unha receita, senón o transfondo comprometido que está detrás da súa elaboración.
O gañador obterá un premio en metálico de 1.000 euros e o segundo clasificado de 500 euros, mentres que o terceiro e cuarto clasificado recibirán o seu peso en cervexa.