O Goberno compromete axuda económica para o futuro balneario de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Goberno, a través do seu delegado en Galicia, Pedro Blanco, comprometeu axuda económica para o proxecto de construción dun balneario en Ponte Caldelas. Así llo trasladou este martes ao alcalde caldelano, Andrés Díaz, durante a visita realizada ao municipio pontevedrés.
"Encaixa perfectamente cos modelos de turismo sostible que seguimos impulsando para transformar Galicia e ademais Ponte Caldelas ten que recuperar a condición de municipio de referencia termal que nunca debeu perder", dicía o delegado do Goberno nesta comunidade.
O compromiso económico do Executivo central non se concretou en cifras, pero avanzaba Blanco que se determinarán unha vez que se concreten liñas de financiamento a través de futuras convocatorias en materia de turismo ou auga.
Con elas, sinalou o delegado, tratarase de "sacar adiante unha iniciativa moi beneficiosa para o conxunto de Galicia", cuestionando seguidamente as "trabas" impostas pola Xunta na súa tramitación.
O propio alcalde, o tamén socialista Andrés Díaz, incidía neste obxectivo engadindo que "Ponte Caldelas recuperará o seu prestixio termal". Díaz explicou as dotacións coas que contaría esta estación termal e que sería "un proxecto ao estilo das termas de Prexigueiro ou Outariz".
Segundo explicaba o rexedor caldelano, hai aproximadamente un mes remitiron a Augas de Galicia o último dos requirimentos de inundabilidade que solicitaran "e esperemos que sexa o último, poder facer a demolición e partir de aí unha vez que saian os fondos europeos, a través dos PERTE, proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica, poder facelo".
Durante a súa visita Pedro Blanco tamén se referiu aos 24 millóns de euros que se investirán en Galicia a mellorar e dixitalizar a xestión do ciclo da auga.