O PP preguntará ao Goberno central "que hai de certo" sobre o "suposto" investimento de 25 millóns para o Pontevedra Flúe
Por Oskar Viéitez
A senadora e concelleira do Partido Popular Pepa Pardo rexistrou a seguinte pregunta no Senado: "Cónstalle ao Goberno de España que, no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, haxa unha partida comprometida por importe de 25 millóns de euros, a cargo dos fondos europeos Next Generation, para proxectos de recuperación ambiental, en base ao denominado ‘Pontevedra Flúe’?".
O Partido Popular pretende "resolver" as dúbidas existentes sobre este proxecto abanderado polo grupo municipal do Partido Socialista e para iso dirixirase ao Executivo que preside Pedro Sánchez para que aclare "que hai de certo sobre o suposto investimento?" que segundo repite o portavoz do PSOE, Iván Puentes, o ministerio ten comprometido para a recuperación de varios espazos naturais estratéxicos situados en dominio público marítimo terrestre.
No pleno municipal deste luns, o portavoz do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, cuestionou a viabilidade dos plans ambientais do portavoz socialista da cidade, que o líder dos populares denomina "Pontevedra Bluf", despois de que "la ministra Teresa Ribera lo dejase en ridículo al ignorar sus proyectos" na reunión da semana pasada co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Por mor das declaracións do rexedor nacionalista, nas que negaba a existencia de ningunha partida, ligada ao ‘Pontevedra Flúe’, no Ministerio para a Transición Ecolóxica, Pepa Pardo elevou as críticas dos populares: "De ser certo o que di Lores, o PSOE local habería estado enganando continuamente a todos os pontevedreses, asegurando que había 25 millóns de euros para ese proxecto".
Por iso, desde o Senado, solicitará ao Goberno central que explique "todas as cuestións relativas ao ‘Pontevedra Flúe’ e se existe, tal e como afirma o socialista Iván Puentes, unha partida desa magnitude económica", que populares e nacionalistas poñen en dúbidas.
Relacionadas:
-
Pepa Pardo, no epicentro da tramitación no Senado da Lei de Amnistía, que ve "infame e indigna"
Por Redacción |
-
O PSOE critica a "traizón" de Pepa Pardo ao "vender" aos pontevedreses no Senado por "medrar" no seu partido
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Pontevedra e Costas "parten de cero" para deseñar proxectos "viables e razoables"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra planea unha zona de baño na Xunqueira de Alba e recuperar o canal interior da Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño |