Primeira mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra abriu este xoves a primeira das mesas territoriais de traballo das comarcas de Pontevedra e O Morrazo para dar a coñecer a Axenda Rural e Urbana da provincia de Pontevedra.
Nesta xuntanza celebrada no Salón de Plenos, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou a alcaldes, técnicos e integrantes do tecido asociativo destas dúas comarcas a estratexia do executivo provincial "para construír unha provincia sensible co cambio climático, que coida da súa veciñanza e que ofrece servizos de calidade en todo o seu territorio", explicou.
As persoas asistentes a este encontro abordaron un plan que recolle os "desafíos e oportunidades de futuro" que debe afrontar a provincia, traballando ao redor de tres dinámicas dirixidas á pensar e poñer en común iniciativas relacionadas co desenvolvemento sostible nestas dúas comarcas.
O presidente Luis López asegurou que os criterios desta axenda rural e urbana rexen a acción de goberno da Deputación e, neste sentido, deu conta das iniciativas levadas a cabo polo seu executivo neste contexto que pasan, segundo enumerou, pola activación do emprego nos concellos da provincia, no apoio ás entidades locais para redactar e executar proxectos transformadores e mellorar os servizos ou o traballo conxunto con outras administracións para mellorar os espazos públicos.
Luis López destacou que "o emprego é fundamental para fixar poboación nos nosos concellos e activar a economía local", e que a Deputación leva mobilizados neste ano uns 5,4 millóns de euros ao abeiro do Plan + Provincia para contratar a 443 persoas en 34 concellos da provincia. En materia de investimentos, dixo que "estamos xa a asignar os fondos para executar proxectos transformadores" correspondentes á Liña 1 do +Provincia, dotada con 34 millóns de euros; e tamén do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotada con 4 millóns de euros.
E en materia de sustentabilidade, Luis López citou a reunión coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrada esta mesma semana na que se falou "de cidades saudables e dos pasos que temos que seguir para mellorar a calidade de vida nas nosas contornas urbanas e rurais".
Por último, Luis López fixo tamén fincapé en dúas áreas fundamentais desta axenda rural e urbana ás que a Deputación presta especial atención: o reto demográfico e o impulso a proxectos transformadores.
Estas xuntanzas repetiranse ao longo das vindeiras semanas no resto das comarcas que forman a provincia de Pontevedra.