Chega á comarca de Caldas a mesa de traballo para elaborar a Axenda Urbana e Rural da Provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra segue a avanzar na Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra e acaba de celebrar a mesa de traballo correspondente á comarca de Caldas, tras pasar xa por Pontevedra, Vigo, O Morrazo e O Deza.
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, foi a encargada de inaugurar esta xornada na que puxo en valor a aposta da institución provincial para acadar os obxectivos de sustentabilidade recollidos na Axenda 2030 e construír un novo modelo para Pontevedra.
Neste acto estiveron presentes rexedores e concelleiros da comarca de Caldas, técnicos e profesionais da administración local e representantes do tecido asociativo desta área.
A Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra trátase dunha estratexia transversal que recolle os desafíos que debe afrontar a provincia así como as oportunidades que ten para impulsar, deste xeito, un novo modelo de desenvolvemento urbano e rural. O obxectivo principal é converter a Pontevedra nun lugar máis resiliente, inclusivo e seguro, que aposta pola sustentabilidade no económico, social e medioambiental, que coida da súa veciñanza e ofrece servizos de calidade en todo o seu territorio.