Estudan crear un espazo de lecer en terreos situados entre a estrada da costa e o vial do Telleiro
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo anuncia que quere mellorar os 143.000 metros cadrados da Rede Natura 2000 que se atopan situados entre a estrada da costa, a PO-308, e o vial do Telleiro.
A intención do goberno local é crear un amplo espazo de lecer para a cidadanía.
As primeiras actuacións consistirán en recuperar e limpar ese espazo, eliminando vexetación invasora e elementos que son incompatibles co hábitat costeiro-dunar. A proposta do Concello céntrase en fomentar a vexetación autóctona ou halófila, que crece en medios salinos.
O segundo paso, a medio prazo, centrarase nunha intervención de maior relevancia acorde cos parámetros de protección de Rede Natura 2000. A idea é que non sexa posible utilizar como aparcamento ou como almacén os terreos de valor natural e paisaxístico, indican desde o goberno local.
Segundo aclaran, os plans non prexudicarán á Romaría da Lanzada ou á Festa da Ostra, ao entender que forman parte da identidade da parroquia de Noalla. O goberno de Telmo Martín, con todo, lembra que é necesario protexer o istmo da Lanzada mellor que ata o de agora para evitar danos ao patrimonio e ao medio natural.
Está pendente tamén a musealización do xacemento da Lanzada, de ata 2.800 anos onde apareceron esqueletos da Galicia primitiva, a través dun convenio entre o Ministerio de Transportes e a Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Sanxenxo afirma que é "absolutamente falso" que a romaría da Lanzada e a Festa da Ostra estean en perigo
Por Redacción |
-
Unha empresa luguesa especializada en arte restaurará a capela da Nosa Señora da Lanzada
Por Redacción |
-
A xustiza falla a favor do Grove na súa disputa con Sanxenxo pola Lanzada
Por Alejandro Espiño |