Unha rodaxe obriga a cortar a ponte da Barca entre a tarde do xoves e a mañá do venres
Por Redacción
A rodaxe da serie 'El jardinero', que DLO Producciones grava para Netflix desde principios de febreiro en Pontevedra, obriga a cortar ao tráfico a ponte da Barca esta semana.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, "por necesidades da rodaxe", a ponte permanecerá pechada á circulación de vehículos a partir das 19.00 horas da tarde do xoves, 7 de marzo.
A ponte estará pechada durante toda a noite e a madrugada e abrirá ao tráfico de novo a partir das 06.00 horas do venres, 8 de marzo.
Durante este tempo, o Concello aconsella aos condutores que, como alternativa, utilicen a circunvalación da AP-9 entre o Nó do Pino e Nó de Bombeiros e a ponte das Correntes.
Esta serie está protagonizada polos actores Álvaro Rico (Hasta el cielo), Cecilia Suárez (La casa de las flores) e Catalina Sopelana (Sky Rojo).
A gravación da serie prolongarase ata finais de marzo e, entre outras localizacións, rodarase nos principais enclaves do centro histórico, entre eles A Ferrería ou a Praza da Pedreira. Ademais, o convento de Santa Clara, a contorna do río Lérez e a zona de As Corbaceiras tamén servirán como escenarios para esta ficción de seis episodios, creada por Miguel Sáez Carral (Ni una más) e Isa Sánchez e que conta coa produción executiva de José Manuel Lorenzo (DLO Producciones).