Regresan os vellos bailes para ir 'mocear' a Carballedo
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade recupera a tradición da celebración de bailes en Carballedo, unha cita que desaparecera e que se volverá celebrar nos meses de marzo, abril e maio no centro cultural Antonio Fraguas.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou que o Concello contratará animación musical para facelo posible. Serán dúos e tríos para favorecer dun xeito lúdico o reencontro veciñal e a diversión entre persoas de todas as idades, pero especialmente para adultos e persoas maiores.
Esta iniciativa, pioneira na comarca, busca "rememorar aqueles tempos do baile de Carballedo, precisamente no mesmo inmoble que hoxe se transformou no Centro Cultural Antonio Fraguas".
A primeira xornada de baile será o sábado 16 de marzo ás 18:30 horas con animación musical a cargo do Dúo Estrellas.
O seguinte baile será o sábado 20 de abril á mesma hora co Dúo Explosión.
O terceiro baile será o sábado 18 de maio á mesma hora co Trío Azabache.
Para atender aos asistentes, ofrecerase un servizo de bar a partir das 18:30 horas para aqueles que desexen tomar un refrixerio.
Jorge Cubela salientou "a importancia que tivo o baile de Carballedo para as xeracións dos nosos pais que se achegaban ata aquí a gozar da música en directo e botar un baile, mocear, etc" e explica que hoxe que o municipio ten este local recuperado "queremos ir máis alá e ademais de rendirlle unha homenaxe a aquela xeración tamén queremos dinamizar socialmente o Centro Cultural Antonio Fraguas".