Fina Birulés, Arturo Leyte e Franco Berardi disertarán sobre 'O tempo' na XL Semana Galega da Filosofía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Aula Castelao presentou este martes o nome dos relatores que participarán na próxima edición da Semana Galega da Filosofía que se celebrará entre o 1 e o 5 de abril no Teatro Principal de Pontevedra.
Despois de corenta anos reflexionando, xerando pensamento crítico e traendo ata a Boa Vila a algúns dos nomes máis relevantes dentro da filosofía contemporánea, nesta ocasión a Aula Castelao propuxo a temática de ‘O tempo’ para que filósofos como Fina Birulés, Arturo Leyte e Franco Berardi desenvolvan os seus relatorios.
O programa volverá ter sesións de mañá, tarde e noite.
A apertura da Semana Galega da Filosoía correrá a cargo da filosofa catalá Fina Birulés, que falará sobre a obra de Hannah Arendt. O martes será a quenda da filósofa Ana Carrasco Conde que disertará sobre Tucídides, considerado o primeiro historiador científico.
Xa o mércores, a profesora de filosofía e feminista Ana de Miguel Álvarez, desenvolverá a conferencia "Tempo das mulleres, tempo de feminismo". Sobre María Zambrano falará ao día seguinte a profesora Isabel Balza e pechará o venres as mañás coa intervención de Francisco Conde Soto coa conferencia "Da redención do pasado ao presentismo sen futuro: a temporalidade no mesianismo de Walter Benjamin e no capitlaimo hipermoderno".
En canto ás tardes, a Aula Castelao propón abordar esta temática do tempo desde o ámbito galego e para iso convidou ao escritor Manuel Cabada, ao historiador Anselmo López Carreira, á poeta Yolanda Castaño, á profesora María Leyra e ao profesor Carlos Callón.
E nas noites da Semana da Filosofia déixase paso á divulgación, para iso contarán con invitados como o neurocientífico e comunicador de ciencia Xurxo Mariño, a filósofa Alicia Puleo, a profesora de socioloxía Cristina García Saiz, o filósofo e activista Franco Bifo Berardi e a clausura da Semana estará en mans de Arturo Leyte.
Relacionadas:
-
Toda unha Semana para filosofar sobre o tempo
Por Oskar Viéitez |
-
A Semana Galega da Filosofía, unha "cita ineludible coa análise e a reflexión"
Por Oskar Viéitez |
-
"Ciencia en feminino", un programa de pódcast e videopódcast para reivindicar o papel da muller nas ciencias e na investigación
Por Redacción |
-
A obra e pensamento de Hannah Arendt estarán presentes na Semana de Filosofía
Por Mónica Patxot & María José Pita |