A obra e pensamento de Hannah Arendt estarán presentes na Semana de Filosofía
Por Mónica Patxot & María José Pita
A falta dunha semana para presentar o programa completo, integrantes da Aula Castelao de Filosofía reuníanse co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, para avanzarlle os nomes dalgúns estudosos que participarán na vindeira Semana Galega de Filosofía.
Entre o luns 1 de abril e o venres 5 celebrarase a 40 edición desta cita co pensamento crítico e a reflexión baixo o título de "Filosofía e tempo".
"Para nós é un logro chegar ao número corenta, son moitas as persoas que pasaron por aquí, e no noso ánimo está que siga adiante, que teña continuidade no tempo, e, en certa parte, decidimos que ese tempo fose a temática sobre a que reflexionar e debater", sinalaba Alexandre Cendón, o presidente da Aula Castelao de Filosofía.
Explicaba que esta é "unha preocupación que xa vén dos tempos de Platón e Aristóteles" e da que a humanidade leva milleiros de anos reflexionando. "É unha intuición ou é un concepto o tempo? É unha cuestión filosófica pura e grande, mais queremos abrila a cuestións diversas", completaba Cendón na compaña de Alba Peinado, integrante tamén deste colectivo.
Pola súa parte, o alcalde Fernández Lores destacaba o seu carácter de "evento único", tanto pola súa traxectoria como pola presenza de "ponentes de primeiro nivel, tanto de ámbito estatal, galego ou internacional".
Como en convocatorias anteriores, as conferencias da mañá terán un contido filosófico máis amplo; nas da tarde abordarase a temática dende o ámbito galego; e a noite está dirixida a público máis xeral e non circunscrita a relatores unicamente filósofos.
A conferencia de apertura correrá a cargo da filósofa catalá Fina Birulés, especialista na obra e pensamento de Hannah Arendt. Dende a organización destácase esta oportunidade de reflexionar sobre as achegas desta "pensadora senlleira na historia de Occidente" que ademais este curso foi incorporada no currículo de Historia da Filosofía de 2º de Bacharelato, unha vella reivindicación da Aula Castelao de Filosofía.
A clausura estará en mans de Arturo Leyte, catedrático emérito da Universidade de Vigo e especialista no idealismo alemán e Heidegger. Falará do espírito e o tempo.
Tamén os organizadores confirmaron a presenza do filósofo italiano Franco Bifo Berardi, que reflexionará sobre o tempo de traballo, e como modula as nosas vidas dentro do capitalismo e a sociedade tecnocientífica que atravesamos.
Relacionadas:
-
Toda unha Semana para filosofar sobre o tempo
Por Oskar Viéitez |
-
A Semana Galega da Filosofía, unha "cita ineludible coa análise e a reflexión"
Por Oskar Viéitez |
-
Fina Birulés, Arturo Leyte e Franco Berardi disertarán sobre 'O tempo' na XL Semana Galega da Filosofía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O hermafroditismo e a bisexualidade "que solemos tildar de raros, en el mundo animal son corrientes"
-
Inaugurada a XXXIX Semana Galega de Filosofía coa arte como tema principal
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Santiago Auserón, ex de Radio Futura, pechará unha Semana Galega de Filosofía centrada no papel da arte na sociedade
-
Francisco Jarauta abrirá en abril a Semana Galega da Filosofía