O novo servizo provincial de Xuventude e Reto Demográfico presenta aos concellos as súas liñas mestras
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra presentou este martes aos concellos da provincia as liñas mestras do seu novo servizo de xuventude e Reto Demográfico, posto en funcionamento neste 2024 e do que é responsable Jorge Cubela.
O deputado provincial foi o encargado de presentar as novas liñas de subvencións e proxectos en materia de Xuventude e Reto Demográfico e de escoitar tamén as demandas de concelleiros e persoal técnico de trinta concellos da provincia que se deron cita nunha participativa xornada no Edificio Administrativo da Deputación.
"Como alcalde sempre botei en falta a implicación doutras administracións en materia de xuventude e nós, precisamente, o que queremos desde a Deputación é cubrir ese oco con este novo servizo", asegurou Jorge Cubela.
Neste eido, o deputado asegurou que "o noso compromiso é escoitar as vosas propostas, iniciativas e ideas en materia de xuventude, para atendelas en igualdade de condicións, sen filtros políticos". Ademais, a través do servizo de Xuventude e Reto Demográfico preténdese "non só ofertar novas liñas de actuación, senón tamén ser o promotor da coordinación e da posta en valor de accións que se levan a cabo para dar voz á mocidade da provincia".
Deste xeito, nos menos de tres meses de funcionamento do novo servizo de Xuventude, tal e como explicou Cubela, tense realizado xa un estudo da normativa e do que se está a desenvolver neste ámbito noutros organismos e deputacións provinciais. Ademais, tamén se puxeron en marcha iniciativas como os Premios Provinciais á Xuventude, o Ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos ou o Plan +Xuventude, a primeira liña de subvencións por concorrencia competitiva creada pola institución provincial para asociacións xuvenís e grupos informais.
Xunto a estas iniciativas, iniciouse xa o proceso de elaboración do I Plan Estratéxico de Xuventude da provincia que se redactará tendo en conta a todos os sectores e actores implicados (desde os concellos ata a propia xuventude) e se converterá no eixo central de acción das políticas xuvenís que a Deputación vai impulsar nos próximos anos. Ademais, desde o novo servizo estase tamén a traballar en iniciativas dirixidas a concellos de reto demográfico para equipar locais xuvenís de titularidade municipal; en liñas de axudas para ANPAS e centros educativos públicos para organizar excursións a granxas escolas; nun programa de Semanas Brancas; nunha liña de axudas para que a mocidade poida acceder a vivenda no rural; nun programa de actividades extraescolares para Primaria e Secundaria; en iniciativas para loitar contra a fenda dixital e, entre outras, en programas centrados na saúde mental da mocidade.