Aproban axudas provinciais á xeración de emprego nos concellos, ao benestar social e de apoio á mocidade
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno na que se mobilizaron "preto de 3,4 millóns de euros en materia de xestión de residuos municipais, benestar social, apoio á mocidade e á xeración de emprego nos concellos".
Segundo informou Luis López, destínanse máis de 2,3 millóns de euros para que 15 concellos da provincia contraten a 172 persoas desempregadas.
Entre os concellos que se benefician destes recursos están Caldas de Reis e A Illa de Arousa. O primeiro recibirá 150.000 euros para contratar a 7 persoas mentres que A Illa de Arousa beneficiarase dunha achega de 95.000 euros para a contratación de 10 persoas.
Segundo destacou Luis López na súa comparecencia "nun mes concedemos xa 3,1 millóns para que 22 concellos da provincia poidan contratar a 253 persoas". Trátase de algo máis do 33,5% da liña 3 do Plan +Provincia, dotada con 9,25 millóns de euros. "Seguimos dando pasos cara adiante nese modelo de pontes tendidas e de avance da provincia", manifestou o presidente provincial.
COOPERACIÓN
Unha segunda liña de subvencións que foi aprobada este venres, dotada con 45.000 euros, está destinada á cooperación coas ONG e as entidades sen ánimo de lucro.
Colaborarase coas organizacións non gubernamentais subvencionando 3 proxectos en total de cada entidade que poderá recibir como máximo 15.000 euros. Serán proxectos de cooperación en países empobrecidos, centrados na erradicación da pobreza, na loita contra as desigualdades e o cambio climático, no respecto pola diversidade cultural ou na participación cidadá e fortalecimento institucional.
No caso das entidades sen ánimo de lucro poderán recibir da Deputación de Pontevedra como máximo 7.000 euros para financiar actividades na provincia centradas en colectivos que se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social.
MOCIDADE
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén acaba de aprobar as primeiras axudas dirixidas á mocidade da provincia: o Plan +Xuventude. Trátase dunha liña de subvencións dotada con 100.000 euros e que achegará a cada asociación xuvenil un máximo de 5.000 euros para poñer en marcha iniciativas de interese social.
"Nunca antes apostouse pola mocidade, nin se deseñaron liñas específicas de apoio á mocidade de Pontevedra", asegurou o presidente provincial.
En concreto, as axudas do Plan +Xuventude están dirixidas a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro prestadoras de servizos dirixidos á mocidade e grupos formados por entre 3 e 8 persoas de entre 18 e 35 anos que propoñan a realización dun proxecto de interese xeral e social. As propostas deben favorecer e promover o desenvolvemento persoal e comunitario, contribuír ao empoderamento xuvenil, á formación en valores, á consecución de hábitos saudables, e enriquecer a vida social, económica, científica e cultural da provincia.
Relacionadas:
-
O novo servizo provincial de Xuventude e Reto Demográfico presenta aos concellos as súas liñas mestras
Por Oskar Viéitez |
-
Vinte persoas fórmanse en Poio en atención sociosanitaria no domicilio
Por Redacción |
-
A Deputación realizará inspeccións "didácticas" da xestión de residuos
Por Oskar Viéitez |
-
"Biocosteiro", un proxecto para conservar e mellorar a biodiversidade en hábitats costeiros galaico-lusos
Por Redacción |