Millón e medio de euros para modernizar o padrón dos concellos de Pontevedra
Por Redacción
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou a posta ao dispor da Deputación de Pontevedra de 1,5 millóns de euros para a modernización dos sistemas de xestión do padrón nos concellos da provincia.
Esta axuda económica, que vai con cargo aos fondos europeos Next Generation, ten como obxectivo acelerar os cambios tecnolóxicos nos padróns que deberán cumprir todos os municipios españois antes de agosto de 2026, tras un recente cambio normativo.
Losada explicou que corresponderá ao executivo provincial a solicitude e repartición desta axuda estatal entre os 52 municipios da provincia que teñen menos de 20.000 habitantes.
Ademais da mellora do padrón, esta iniciativa pretende implementar un novo sistema de intercambio de información co Instituto Nacional de Estatística (INE), de forma que en lugar de compartila de maneira mensual se faga en tempo real.
O subdelegado subliñou que, ademais, estas axudas permitirán aos concellos construír unha base municipal de datos de vivendas, unificada a nivel nacional, coa que tamén deberán contar obrigatoriamente a partir do 2026.
Esta base de datos identificará cada vivenda a partir da súa referencia catastral e contará con ferramentas para a actualización da información.
"Estamos a falar dun avance sen precedentes para unha administración pública dixitalizada, automatizada e centrada nos datos", apuntou Losada.