O BNG e o PSOE alertan do futuro económico do Concello de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo advirte de que a "teima" do alcalde, Telmo Martín, de "dilatar o proceso xudicial" da sentenza da finca das Cunchas supón "un novo ataque ao peto da veciñanza" mentras que o PSOE local acusa a Telmo Martín "de levar á ruína ao Concello de Sanxenxo cos seus continuos desmáns urbanísticos". O voceiro socialista, Fernando Otero afirma que "o último varapalo do TSXG no caso Rocafort confirma a nefasta xestión do alcalde nestes anos que non fai máis que costarlle cartos á veciñanza".
Esta nova sentenza reflicte, segundo o Bloque, unha "pésima xestión da súa política de cemento", que "moi probablemente abocará ao Concello a ter que facer fronte a unha situación económica moi complicada nos vindeiros anos".
Os nacionalistas alertan de que a decisión do alcalde de recurrir a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na que descarta a opción de pagar de xeito fraccionado os 10 millóns de euros pendentes aos propietarios da parcela, "para o único que serve é para que Telmo Martín pretenda gañar tempo, a costa de castigar as arcas municipais".
O voceiro do BNG, Fran Leiro, xa advertira desta situación no Pleno de xaneiro, cando se aprobou o Orzamento de 2024. Foi entón cando o edil nacionalista adiantou que, en caso de producirse o rexeitamento do fraccionamento por parte do Tribunal Supremo, "Sanxenxo veríase abocado a converterse nun dos concellos máis endebedados da provincia para afrontar ese pago".
No caso de que o recurso presentado polo Concello ante o Tribunal Supremo tamén fracase, o BNG sostén que os custes totais do proceso poderían superar os 15 millóns de euros, incluíndo os xuros que se seguen a xerar mentres non se abone a parcela.
"O señor Martín segue empeñado en levar a Sanxenxo á bancarrota", criticou Leiro, que lembra que o Concello xa tivo que facer fronte a pagos por valor de máis de 20 millóns de euros "como consecuencia de resolucións xudiciais provocadas pola política de cemento e ladrillo de Telmo Martín".
"Este é un feito sumamente grave, especialmente se temos en conta que o señor Martín asegurou no seu día que se era elixido alcalde a adquisición da parcela das Cunchas tería un custe de 0 euros. Unha mentira flagrante máis que engadir ás moitas que xa formulou, como a da suposta baixada de impostos, que demostrou ser todo o contrario", subliñou Fran Leiro.
O voceiro nacionalista ten claro que "non vai ser Telmo Martín quen pague o pato, senón os veciños e veciñas e futuras Corporacións". Leiro incide en que esta "fuxida cara adiante" do Goberno do Partido Popular é a razón da suba de impostos aprobada hai uns meses. "O señor Martín garantiu en campaña electoral que ía baixar impostos e agora, en menos dun ano, xa subiu varios e mesmo se inventa algún novo, como o dos vados", concluíu o concelleiro do BNG.
PSOE
O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE en Sanxenxo e portavoz municipal, Fernando Otero, denunciou "o enésimo capítulo da lamentable xestión de Telmo Martín e os seus continuos desmáns urbanísticos que están a levar á ruína ao Concello". Otero subliñou que o último varapalo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitando o fraccionamento do pago dos 9,6 millóns de euros pola sentencia da familia Rocafort, "volverá a costarlle diñeiro á veciñanza e aboca ao concello de Sanxenxo a hipotecarse tanto si, como anuncia o alcalde, recorre ao Tribunal Supremo como si pide un crédito para poder enfrontar semellante pago só en intereses de demora".
O portavoz socialista lamentou que "ao final a xustiza pon as cousas no seu sitio e ven a darnos a razón cando alertabamos, pleno tras pleno, de que esta situación remataría mal". Lembrou que a "nefasta" xestión de Telmo neste caso "xa lle está a costar moitos cartos a veciñanza como ocorre co tremendo incremento do IBI de máis dun 20% para pagar estas cousas que, no mellor dos casos, supón unha suba mínima de ata 100 euros". "Si se paga agora o goberno terá que pedir un crédito o que significa máis costo para as arcas do Concello e si recorren ao Supremo gastarán máis diñeiro, máis intereses e máis gastos xudiciais. É susto o morte", sinalou.
Fernando Otero tamén manifestou o seu convencemento de que "o recurso ao Supremo que anuncia Telmo agora non é máis que unha manobra de dilación para gañar tempo sen pagar e que sexa outra corporación na que no futuro se atope con semellante marrón que ao final pagarán as veciñas e veciños de Sanxenxo". O voceiro socialista lamentou que o PP non resolvera este asunto cando chegou á alcaldía "porque fai seis anos o anterior goberno tiña alcanzado un principio de acordo coa familia Rocafort. Se dialogase e non impuxera a súa particular forma de facer as cousas teríamos un acordo e non unha sentencia que obriga ao concello a pagar ata 3,6 millóns de euros só de intereses".